Os sindicatos temen o peche de numerosas explotacións se Xunta e Goberno non adoptan medidas ante a reforma da PAC

Europa Press Galicia
Actualizado: jueves, 20 noviembre 2008 20:54

SANTIAGO DE COMPOSTELA 20 Nov. (EUROPA PRESS) -

As tres organizacións agrarias, Unións Agrarias (UU.AA.), Xóvenes Agricultores (XX.AA.) e Sindicato Labrego Galego (SLG), coincidiron hoxe en expresar o seu temor a que a reforma da Política Agraria Común (PAC) aprobada pola UE se salde co peche de numerosas explotacións da comunidade se os gobernos central e galego non adoptan medidas específicas de actuación.

O secretario xeral de UU.AA., Roberto García, asegurou a Europa Press que o sector lácteo galego perdeu "a súa última oportunidade" ao considerar que as iniciativas avaladas polos 27 estados comunitarios acentuarán as importacións masivas e a competencia desleal de prezos da materia prima procedente de países excedentarios.

De igual modo que o seu homólogo de XX.AA, Francisco Bello, García lamentou que a UE decidise impulsar un incremento proporcional da capacidade produtiva para o conxunto dos países, tanto excedentarios como deficitarios. Segundo estimou, entre 3.000 e 4.000 explotacións lácteas poderían pechar se se mantén a actual conxuntura de caída de prezos.

Pola súa banda, a secretaria xeral do SLG, Carmen Freire, cualificou de "nefasto" o aumento lineal das cotas, dado que como recordou, a Unión Europea non necesita producir máis leite ao ter "practicamente cubertas as súas necesidades de consumo".

Aa seu xuízo, as industrias lácteas empregarán este argumento para rebaixar "aínda máis" o prezo aos gandeiros galegos. Nesta liña tamén condenou que os estados non aprobaran mecanismos de control do importe da materia prima. "A situación é ben complicada e terrible", afirmou.

PLAN ESTRATÉXICO

Malia ao seu escepticismo ante as medidas aprobadas esta madrugada, os responsables de UU.AA. e XX.AA. instaron a iniciar un traballo conxunto entre todos os axentes do sector lácteo e as administracións. "Ao sector quédanlle cinco anos para poñerse ao día e ser competitivo", afirmou Bello, que reclamou aos Gobernos central e galego un "plan estratéxico e ambicioso" para impulsar o crecemento do sector.

Neste sentido, esixiu ao Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural y Marino (MARM) a negociación dunha lei de distribución que regule as marxes comerciais, de forma que "primeiro se veda o leite de España" e, posteriormente, permitir as importacións".

Non obstante, Xóvenes Agricultores aspira, segundo apuntou, a que os gandeiros españois poidan producir os tres millóns de toneladas que o Estado necesita importar, ao ver limitada a súa cota láctea ás seis millóns de toneladas, cando o consumo supera os nove.

FORMULACIÓN CONXUNTA

"Produtores, industrias e distribución temos que buscar unha formulación conxunta porque, se caemos nós, os seguintes serán os empresarios", advertiu o responsable de Unións Agrarias, quen ademais instou ás administracións e á opinión pública a recordar que, nunha conxuntura de crise, as explotacións lácteas galegas son "a Citroën de moitas bisbarras".

Neste sentido, alertou de que o peche desas granxas provocará a desaparición do pequeno comercio neses municipios e, polo tanto, un abandono progresivo do medio rural, e as súas conseguintes consecuencias, entre as que citou os incendios forestais e a deterioración do ámbito ambiental galego.

Así mesmo, UU.AA. e XX.AA. reivindicaron novamente a implantación dos contratos homologados como garantía de ordenación do sector e de normalización das relacións profesionais entre gandeiro e industria.

RECORTE DE AXUDAS

O SLG denunciou que moitas explotacións agrogandeiras galegas se verán afectadas polo recorte das axudas directas da PAC, coas que se prima a produción e que se paga en función da superficie de terra en propiedade, así como, no caso das granxas leiteiras, en concepto da cantidade de cota dispoñible.

A UE reducirá as subvencións aos titulares que reciban máis de 5.000 euros anuais, unha circunstancia que cuestionou Freire ao sinalar que, deste modo, unha explotación beneficiaria dunha axuda de 6.000 euros asumirá un recorte igual que a que cobre 300.000 euros.

O SLG tamén trasladou o seu temor de que se intente impoñer aos gandeiros galegos a sinatura de contratos homologados "a prezos ruinosos". A xuízo de Freire, as medidas aprobadas serán "a estocada final para moitas explotacións" tras sinalar que con menos axudas e prezos do leite máis baixos non os compensará producir.

Pola súa parte, o secretario xeral de UU.AA. prevé que as comunidades do noroeste peninsular non se beneficien dos fondos de desenvolvemento rural ás que hoxe fixo referencia a titular do MARM, Elena Espinosa, ao soster que as maiores asignacións dedicaranse ás autonomías máis afectadas pola redución das axudas, entre as que citou a Aragón, Andalucía ou Castilla-La Mancha.

Contenido patrocinado