Os sindicatos de xustiza piden á Xunta reunirse o luns despois de baixar a esixencia salarial dos traballadores

Funcionarios de xustiza levan alimentos á cociña económica de Santiago
REMITIDA SINDICATOS
Actualizado: jueves, 22 marzo 2018 20:38

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 Mar. (EUROPA PRESS) -

Os sindicatos de xustiza proporán á Xunta volver reunirse o vindeiro luns, día 26 de marzo, para retomar as negociacións que permitan pór fin á folga indefinida despois de que os traballadores avalasen rebaixar a esixencia salarial dos 190 euros ao mes para todos os corpos.

O comité de folga, SPJ-USO, Alternativas na Xustiza-CUT, UXT, STAJ, CSIF, CIG e CC.OO., presentará por rexistro a petición para convocar esta reunión, que propón que se celebre --do mesmo xeito que a do pasado luns-- ás 11,00 horas no edificio administrativo de San Caetano se así o acepta o Goberno galego, que explicou a Europa Press que está a analizar a petición.

A decisión foi adoptada polo comité de folga nunha reunión mantida este xoves en Ourense, na que analizaron o resultado da votación na que un 65,9% de funcionarios de xustiza que participaron deron o visto e prace para que os sindicatos negociasen "o mellor posible" pero sen que os 190 euros fosen unha "postura mínima obrigatoria".

Esta votación tivo lugar despois de que a mesa de negociación mantida entre ambas as partes o día 19 finalizase sen acordo. Nese encontro, o Executivo autonómico deu por rotas as conversacións despois de trasladar unha nova subida salarial, neste caso non lineal e por corpos. En concreto, 135 euros ao mes para os forenses, 133 para os xestores, 108 para os tramitadores e 105 para os de auxilio. Unha oferta que as organizacións sindicais rexeitaron por insuficiente.

Despois diso, os traballadores públicos en folga protagonizaron o martes peches nos edificios xudiciais de todas as cidades como medida de presión á Xunta para que, tal e como sinalaron, lles siguese "chamando" a negociar tendo en conta que o director xeral de Xustiza, Juan José Martín asegurou que a proposta trasladada o luns era a "última".

SEGUIMENTO

Na xornada na que se cumpren 44 días de folga, a Xunta e os sindicatos volveron a discrepar nas cifras de seguimento. Así, mentres que o Executivo galego destacou que un total de 958 persoas secundaron o paro este xoves, un 34,9% dos traballadores; os sindicatos elevaron o seguimento até o 77,2%.

Ademais, tamén continuaron este xoves as mobilizacións. Deste xeito, unhas 200 persoas --segundo os sindicatos-- participaron nunha manifestación que terminou ante o edificio adminsitrativo da Xunta e na que se corearon consignas como 'Aquí está, aquí vese, a xustiza galega en pé'.

Pola súa banda, en Santiago de Compostela, despois de concentrarse nos xulgados, máis dunha vintena de funcionarios levaron decenas de quilos de alimentos á cociña económica.