Os soldados imperiais de 'Star Wars' invaden Santiago no 30 aniversario do 'Retorno do Jedi'

Renden homenaxe ao falecido Constantino Romero, artista que dobrou a Darth Vader en España

Soldados imperiales de Star Wars invaden Santiago
EUROPA PRESS
Europa Press Galicia
Actualizado: sábado, 25 mayo 2013 23:01

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 25 May. (EUROPA PRESS) -

Máis de 350 persoas disfrazadas de 'imperial stormtroopers' --soldados imperiais-- e outros personaxes da saga 'Star Wars' invadiron este sábado as rúas de Santiago de Compostela en homenaxe ao 30 aniversario da estrea do 'Retorno do Jedi'.

Os participantes neste "desfile imperial" percorreron as rúas compostelanas tras partir ás 18.00 horas do Instituto de Xelmirez I, onde os soldados foron convocados pola Tropa Korriban, o colectivo que decidiu reeditar esta iniciativa tras o éxito obtido na anterior cita en 2010 con motivo do 30 aniversario de 'O imperio contraataca', a segunda das fitas realizadas por George Lucas para a triloxía clásica.

Deste modo, e tras percorrer durante máis de hora e media as rúas da capital galega, as tropas imperiais, acompañadas doutros personaxes da saga como Darth Vader ou a princesa Leia, foron recibidas na Praza do Obradoiro por unha multitude de veciños e turistas que se achegaron para ver os protagonistas da Guerra das Galaxias.

Precisamente, a cantidade de persoas que se achegou ao Obradoiro provocou que, nalgúns momentos, o espazo habilitado para o desfile se fixese pequeno e que o público que non puido situarse nas primeiras filas a penas puidese ver os personaxes.

PRESENTACIÓN DE CURRÁS

Con todo, unha vez situadas na zona habilitada ante o Pazo de Raxoi, as tropas foron recibidas polo alcalde compostelano, Ángel Currás, quen presentou o evento e deu a palabra ao mítico personaxe do 'lado escuro' Darth Vader.

Na súa intervención, Darth Vader despregou no palco do Pazo de Raxoi unha pancarta na que podía verse o rostro do falecido Constantino Romero, voz que dobrou este personaxe na ficción, e ao que os asistentes homenaxearon ao emitir un corte dunha das súas intervencións na saga.

NOVO DESFILE EN SANTIAGO EN 2017

Tras o acto, en declaracións a Europa Press, un dos responsables da organización, Andrés Fernández, avanzou que a Tropa Korriban prevé organizar un novo desfile na capital galega en 2017, cando se celebrará o 40 aniversario de 'A New Hope' --Unha nova esperanza--, o primeiro episodio da triloxía clásica.

Así mesmo, Fernández manifestou a súa satisfacción pola "grande afluencia" de público que acudiu ao Obradoiro para participar nesta iniciativa, unha asistencia que, ao seu xuízo, mostra o grande número de admiradores de "Star Wars que hai en Galicia".

Contenido patrocinado