Os tres candidatos afrontan con "ganas" o arranque da campaña das primarias do PSdeG

Gonzalo Caballero, X Fernández Leiceaga e Juan Díaz Villoslada (Primarias PSdeG)
EUROPA PRESS
Actualizado: martes, 26 septiembre 2017 14:30

Caballero cre que a súa mensaxe está "a calar", Leiceaga ve que as súas ideas están a ter "éxito" e Villoslada, que as súas "vibracións irán a máis"

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 26 Sep. (EUROPA PRESS) -

Este martes arrinca oficialmente a campaña das primarias do PSdeG, un total de 12 días que finalizan na xornada de votación do 8 de outubro e que os tres candidatos aproveitarán para continuar visitando agrupacións socialistas por toda Galicia.

Polo momento, e á luz dos datos dos avais conseguidos para impulsar as súas pretensións de liderar o PSdeG, todos eles móstranse con "ganas" e con boas sensacións.

Gonzalo Caballero, o que máis firmas presentou, avanzou a Europa Press que utilizará os días que restan ata a votación para seguir percorrendo agrupacións e, así, "mobilizar o impulso de cambio" que detecta entre os seus compañeiros de filas.

Tras visitar xa unhas 70 sedes, o seu proxecto de "renovación para abrir unha nova etapa" no PSdeG virará polas catro provincias, tanto por cidades como por vilas intermedias e pequenos concellos, onde defenderá a súa capacidade de "xerar unha alternativa de esquerdas".

"Hoxe Baralla (Lugo); mañá, Culleredo (A Coruña); pasado, Pontevedra...", enumerou, á vez que expresou a "ilusión" coa que afronta esta fase do proceso, visto que a súa mensaxe está "a calar". "Con humildade, pero con boas perspectivas", resumiu.

"ARRINCAR O MOTOR DO PSdeG"

Quen obtivo o segundo maior número de avais, Xoaquín Fernández Leiceaga, tamén aprecia que o seu proxecto de "unidade e integración" está a ter "éxito" entre a militancia socialista.

É por iso que fará "un esforzo grande" nos días que faltan para seguir gañando apoios a través de visitas a agrupacións nas que aínda non estivo e de encontros con diferentes colectivos, como as Xuventudes Socialistas e o sector LGTBI.

Municipios coruñeses como Boiro e Oleiros e lucenses como Monforte son algunhas das súas próximas paradas, que haberá de compaxinar co seu labor como portavoz parlamentario.

Co obxectivo en mente de "arrincar o motor do PSdeG", tal e como el mesmo sinalou a Europa Press, lembrou que xa conseguiu "remontar" a quen dicían que sería o último en avais. "Iso permítenos dicir que imos cara arriba", saudou.

"OPTIMISTA REALISTA"

Finalmente, Juan Díaz Villoslada mostrouse "optimista realista" ao augurar que a militancia socialista "vai ir vendo progresivamente" que só a opción que el encabeza busca "abrir unha etapa nova con máis visión de futuro".

As outras dúas, ao seu xuízo, encarnan máis "o pasado" e céntranse "demasiado" nel no canto de "estar con propostas e medidas". É por iso que deu por feito que as "boas vibracións" que percibe "irán a máis".

Así pois, seguirá visitando "todos os recunchos" de Galicia despois de que xa coñeceu preto de 70 casas do pobo. "E atópome con máis forza que o primeiro día", salientou, en declaracións a Europa Press, para apuntar que tamén podería facer encontros sectoriais.