Os veciños de Punxín rematan o seu encerro co compromiso de reunións con técnicos da Deputación e da Xunta

Actualizado: miércoles, 16 abril 2014 20:41

Reclamaban a mediación co alcalde para que reduza as cotas da auga que se manteñen na xestión municipal igual que as privadas

OURENSE, 16 Abr. (EUROPA PRESS) -

Os veciños de Punxín (Ourense) decidiron concluír este mércores o seu encerro no concello tras obter o compromiso de senllas reunións na Deputación Provincial e na delegación da Xunta de Galicia en Ourense, onde estudarán cos técnicos correspondentes, os informes económicos sobre o servizo da auga elaborados pola comisión veciñal da auga, o concello e a propia Deputación.

O voceiro da comisión veciñal, Joaquín Moldes, explicou que, tras unha reunión mantida co vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, os encerrados acordaron deixar a medida de presión dado que obtiveron o compromiso dunha cita para o luns 21 de abril, na que se entregará toda a documentación da Iniciativa Popular presentada no Concello de Punxín para reclamar a redución das cotas veciñais para a auga.

Ese día, segundo Moldes, a Deputación contará co estudio elaborado por un economista da comisión, detallado durante 2 horas no pleno municipal celebrado hai 20 días antes de votar a petición de cotas máis baratas. Segundo os datos da comisión, estase a pagar un 300 por cento máis do que corresponde co custo real do servizo, xestionado polo concello dende xaneiro de 2104, tras o abandono da concesión por Aquagest en outubro de 2013.

"Esperaremos uns días a que estuden a documentación e logo volverémonos citar para acordar un calendario de reunións nas que membros da comisión, o xefe do servizo de medio da Deputación Javier Bobe, e quen eles designen, analizarán e compararán os diferentes informes económicos realizados xa", detallou Moldes.

XUNTA

Os veciños tamén recibiron confirmación por parte da Xunta de Galicia de que poderán reunirse o día 29 de abril co director xeral de Augas de Galicia, Francisco Menéndez, coa mesma finalidade de analizar os custos da auga e o estado actual do proxecto de bombeo de auga dende o río Miño, ante a contaminación natural con arsénico en varios pozos de captación de Punxín.

"Revisaremos conxuntamente as alegacións que presentamos a ese proxecto e solicitaremos de novo a intermediación da Xunta en todo este proceso para reducir as cotas da auga en Punxín, onde nos seguen cobrando as cotas da xestión privada, a pesar de que agora é municipal,", concretou.

O encerro, segundo o voceiro, resultou "moi duro" para os veciños, quen destacou a presenza case continua de persoas de avanzada idade a pesar da falta de calefacción na sala de plenos na que "practicamente viviron nos últimos días".