Pais de nenos do colexio de Abadín (Lugo) cortarán o domingo o tráfico para protestar pola supresión da ESO

Europa Press Galicia
Actualizado: viernes, 4 julio 2008 18:24

LUGO 4 Jul. (EUROPA PRESS) -

Pais dos nenos que estudan no colexio de Abadín (Lugo) retomarán as mobilizacións o próximo domingo para expresar o seu rexeitamento á supresión do primeiro ciclo da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), cortando o tráfico de novo na N-634.

Así o confirmou un dos voceiros dos pais, Marcelino Díaz, que indicou que como xa fixesen o pasado domingo planean cruzar polos dous pasos de peóns na N-634 ao seu paso polo seu municipio para interromper a circulación, ademais de realizar outras accións de protesta.

"Imos tratar de interromper o tráfico o máximo posible", avisou o voceiro, e precisou que a protesta será ás 11.00 horas durante hora e media.

Un forte dispositivo policial impediu a pasada semana que cortasen o tráfico na mesma estrada, polo que os pais acordaron cruzar por eses pasos de peóns e así ralentizar a circulación.

Díaz advertiu de que os pais non permitirán que os seus fillos "se teñan que levantar ás seis e media da mañá todos os días e que cheguen ás sete da tarde á casa". "Ademais fan actividades extraescolares despois do colexio e queremos que sigan con esas actividades e se se teñen que desprazar a Mondoñedo ou Vilalba esas actividades extraescolares teñen que deixalas. Non van ter tempo para facer todo iso", recalcou.

Con todo, Marcelino Díaz precisou que se puxeron en contacto con "expertos" que "din que é unha animalada que nenos de once anos teñan que estar no autobús unha hora pola mañá e outra a tarde". "É imposible que un neno renda facendo iso", apostilou.

Pola súa banda, a Consellería de Educación mantén que esta postura non ten marcha atrás e que, polo tanto, é "unha decisión que está tomada", segundo se queixou Díaz.

Contenido patrocinado