O paro baixa en Galicia en 7.919 persoas en xuño

Trabajador, Trabajando, Camarero, Bar, Autónomo, Consumo, Tapas
EUROPA PRESS
Actualizado: jueves, 2 julio 2015 11:21

   Descende un 21,17% o gasto en prestacións en maio e a taxa de cobertura aos desempregados galegos sitúase no 52,47%

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 2 Jul. (EUROPA PRESS) -

   O número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego (antigo Inem) baixou en 7.919 persoas en xuño en Galicia en relación con maio, ata 229.062, tras caer un 3,34%, superior en máis dun punto á redución rexistrada polo conxunto das comunidades (-2,25%).

   Trátase do sexto maior descenso rexistrado no sexto mes do ano (en comparación co quinto) por comunidades autónomas, despois dos de Baleares (-5,65%), Castilla e León (-4,10%), Navarra (-3,95%), Cataluña (-3,94%) e Asturias (-3,84%).

   En taxa interanual, en xuño deste ano respecto ao mesmo mes de 2014, o desemprego descendeu na comunidade galega en 23.248 persoas, o que supón unha diminución do 9,21%.

   Pola súa banda, o conxunto estatal reduciu a cifra de parados en 94.727 persoas en relación co mes anterior e en 329.397 respecto a xuño do pasado exercicio (-7,40%), segundo os datos que publica este xoves o Ministerio de Emprego e Seguridade Social.

PONTEVEDRA, ONDE MÁIS CAE

   En Pontevedra foi onde máis caeu o paro en xuño respecto a maio e en relación con xuño de 2014, un 3,72% (3.513 persoas menos) e un 10,33% (10.460 persoas menos), respectivamente.

   Na Coruña, a redución foi do 3,23% e do 8,56%, ao contabilizar 3.007 e 8.444 desempregados menos, respectivamente en taxa intermensual e interanual.

   Mentres, Ourense experimentou baixadas do 3,33% e do 7,19%, con 881 e 1.980 persoas menos en paro; e Lugo do 2,25% e do 9,52%, respectivamente, con caídas no número de parados de 518 e 2.364 persoas.

   Os 229.062 desempregados existentes en Galicia con datos do antigo Inem de xuño correspóndense con 105.211 homes e 123.851 mulleres, mentres que 11.477 son menores de 25 anos e o resto (217.585), maiores desa idade.

DESCENDE SOBRE TODO EN SERVIZOS

   Por sector de actividade, o sector servizos experimentou o maior descenso de desemprego, con 4.397 persoas menos, ata 144.263. Na construción caeron en 1.116 persoas, ata 28.502; e na industria en 1.072, ata 29.232. Pola súa banda, a agricultura rexistrou unha diminución de 307 parados, ata 8.059.

   No colectivo sen emprego anterior, o paro reduciuse en 1.027 persoas, de forma que o total se sitúa en 19.006, dos que 1.763 teñen menos de 20 anos, 3.290 entre 20 e 24, 2.106 entre 25 e 29 e 4.052 entre 30 e 44. Son 6.154 homes e 12.852 mulleres os que se atopan nesta situación.

   Pola súa banda, os parados estranxeiros diminuíron en 382 en xuño respecto a maio, ata 11.189 (-3,3%). A caída respecto ao mesmo mes do ano anterior foi en 874 persoas, do 7,25%.

   A distribución é a seguinte: 6.365 extracomunitarios e 4.815 comunitarios; 5.968 en servizos, 2.450 sen emprego anterior, 1.126 en construción, 896 en agricultura e 740 en industria.

BAIXAN OS DEMANDANTES SEN OCUPACIÓN

   En canto a demandantes de emprego, a comunidade galega contabilizou en xuño 297.846, 32.591 dos cales estaban ocupados e 16.727 especificaban condicións especiais de traballo.

   Os 2478.528 restantes non tiñan ocupación, e supoñen unha baixada no número rexistrado en maio (en 5.782 persoas, un 2,27% menos) e respecto ao de xuño do ano pasado (22.269 menos, unha caída do 8,22%).

CONTRATOS

   Del lado da contratación, a información do ministerio reflicte un aumento en relación con maio e en comparación con 12 meses atrás, ata os 85.271 contratos asinados o sexto mes de 2015 (16.998 e 11.054 máis, respectivamente).

   Foron, como vén sendo habitual, maioritariamente de carácter temporal (79.469), fronte aos indefinidos (5.802). E por provincias correspóndense en boa medida coas de Pontevedra (6.759) e A Coruña (6.526), polos 2.124 de Lugo e 1.589 de Ourense.

   A contratación indefinida, así, creceu en 831 rúbricas dende maio e en 401 dende o mesmo período de 2014. A temporal fíxoo en 16.167 e 10.653, respectivamente.

   Desta forma, no acumulado, existen 400.679 contratos en Galicia, un 91,78% do total temporais e o 8,22% restante, os menos, de carácter indefinido.

PRESTACIÓNS

   O gasto en prestacións por desemprego en maio (sempre van cun mes de atraso con respecto aos do paro) descendeu un 21,17% en Galicia, ata 89,64 millóns.

   Mentres, a taxa de cobertura nese mesmo mes (calculada como o número de beneficiarios entre os parados de maio, aos que se lles ha de restar o colectivo sen emprego anterior) alcanzou o 52,47% na comunidade galega.

   Houbo en total 33.626 solicitudes e 33.831 altas, cun prazo de recoñecemento de 0,87 días. Os beneficiarios ascenderon 113.834 e a contía media por prestación contributiva percibida, de 771,7 euros ao mes.

BAIXA O PARO EN TODAS AS CC.AA.

   O desemprego reduciuse en xuño en todas as comunidades autónomas, especialmente, en termos absolutos, en Cataluña (-20.952 parados), Madrid (-14.090) e Castilla e León (-8.255).

   Por provincias, o paro baixou en 47 de elas, especialmente en Madrid, Barcelona (-13.284 desempregados) e Alicante (-4.226) e subiu en cinco, sobre todo en Huelva (+3.067) e Almería (+1.432).

CONXUNTO ESTATAL

   No conxunto estatal, co recorte de xuño, o paro encadea cinco meses de descensos tras baixar en febreiro, marzo, abril e maio en 13.500, 60.200, 119.000 e 118.000 desempregados, respectivamente.

   Grazas á chegada do verán e aos contratos de tempada, xuño é tradicionalmente un bo mes para o emprego. En todos os meses de xuño dende o inicio da serie histórica, en 1996, descendeu o paro rexistrado, salvo en 2008, cando subiu en case 37.000 desempregados. Nos últimos sete anos, o paro rexistrado reduciuse en xuño nunha media de 74.000 persoas.

   Non obstante, a caída do paro rexistrada en xuño deste ano foi inferior á experimentada neste mesmo mes durante os últimos tres anos. Así, o desemprego baixou en 122.684 persoas en xuño de 2014, reduciuse en 127.248 parados en xuño de 2013 e retrocedeu en 98.853 desempregados en xuño de 2012. En definitiva, a de 2015 foi a cuarta maior caída do desemprego nun mes de xuño dende o ano 1996.

   O departamento que dirixe Fátima Báñez destacou que durante os últimos doce meses, o desemprego se reduciu en 329.397 persoas, co que a taxa interanual se situou no -7,4%.

   En termos desestacionalizados, o paro rexistrado subiu en 24 persoas no mes de xuño despois de 25 meses acumulando retrocesos.