O paro crece de forma "importante" en Galicia entre mulleres maiores, aínda que elas "resisten máis" a crise ca eles

Actualizado: domingo, 6 marzo 2011 19:43

A Xunta ve na dependencia un "nicho de emprego" para mulleres do rural e eloxia que os homes tamén usen medidas de conciliación

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 6 Mar. (EUROPA PRESS) -

O paro creceu en Galicia de forma "importante" nos últimos meses entre as mulleres maiores, aínda que as traballadoras están a "resistir máis" a destrución de emprego derivada da crise que os seus compañeiros varóns.

Así o explicou nunha entrevista concedida a Europa Press a directora xeral de Formación e Colocación da Xunta, Ana María Díaz, con motivo da celebración este martes do Día Internacional da Muller Traballadora.

En concreto, Ana María Díaz explicou que no último ano "non variaron substancialmente" as cifras de paro feminino na Comunidade en relación co masculino, e recordou que a última Enquisa de Poboación Activa establecía para as féminas unha taxa de actividade do 48 por cento.

Aínda así, precisou que a "destrución de emprego" nos últimos meses foi "maior nos homes que nas mulleres", un comportamento derivado principalmente do paro rexistrado en sectores industriais, onde as mulleres teñen menos presenza que os homes.

"As mulleres están a resistir máis, quizais polos sectores de ocupación", sinalou a directora xeral, que, non obstante, recordou que as traballadoras parten nesta cuestión "dunha situación peor que os homes".

MULLERES MAIORES: AS MÁIS PREXUDICADAS

En contraposición, Ana María Díaz sinalou que, por franxas de idade, o paro se está a cebar actualmente coas mulleres de máis idade. "As mulleres novas, menores de 30 anos, está en taxas de paro normais, pero si hai un importante aumento de paro en mulleres máis maiores", admitiu a directora xeral, que vinculou este feito de forma directa coa crise económica.

En concreto, e ademais do propio proceso de destrución de emprego, Ana María Díaz explicou a Europa Press a existencia dun aumento de paradas maiores sen ocupación anterior isto é, "mulleres que antes non traballaban" pero que intentaron incorporarse ao mercado tras a perda do emprego do seu marido.

Pola contra, a directora xeral considerou que non existe unha "diferenza substancial" entre o nivel de traballo das mulleres no ámbito urbano e no rural e asegurou que, precisamente no medio rural, existen "nichos de traballo" beneficiosos para as mulleres.

Entre estas circunstancias, a directora xeral fixo fincapé nos empregos derivados do coidado a persoas dependentes, que permitirían ás mulleres do ámbito rural, cunha "axeitada formación", profesionalizar un traballo que realizaron con anterioridade.

"Formemos estas mulleres, axudémolas a constituirse como autónomas ou en cooperativas para desenvolver o seu traballo e consigamos ao mesmo tempo que queden dentro do seu ámbito natural, fixando poboación no rural", sinalou a directora xeral.

BAIXOS SALARIOS

Entre os problemas que afectan ao emprego feminino, Ana María Díaz recordou que as traballadoras continúan en Galicia cobrando un 25 por cento menos de media que os seus compañeiros, a pesar de estar "moi formada" a nivel universitario.

Neste sentido, tamén recordou a escasa presenza de féminas nos postos de alta dirección, que supoñen "apenas" o 37 por cento dos contratos a mulleres. No caso de grandes empresas, explicou a directora xeral, unicamente ocupan responsabilidades de alta dirección un cinco por cento de mulleres.

"A situación das mulleres no mercadso laboral non é boa", sentenciou Díaz, ao tempo que recordou que, no marco do Diálogo Social, a Consellería de Traballo se marcou este colectivo como "prioritario" nas políticas de emprego.

Así mesmo, dende a Xunta apostaron pola "formación" das mulleres para a súa incorporación a postos de decisión. Nesta medida, Ana María Díaz recordou o programa Executiva, grazas ao cal 200 mulleres empresarias se formarán en habilidades directivas.

Noutra orde de cousas, a Xunta traballa para a elaboración dun censo de empresas obrigadas a realizar plans de igualdade --as que contan con máis de 250 traballadores--, na consolidación da marca de excelencia en igualdade e na inclusión da igualdade como clave nas políticas de riscos laborais, entre outros programas.

CONCILIACIÓN

No capítulo da conciliación da vida persoal e laboral, Ana María Díaz subliñou un importante "avance" nesta cuestión, aínda que admitiu a "dificultade" de "cambiar os roles sociais".

"Algo impensable fai uns anos, que un home reducise a súa xornada laboral para coidar a familia, estase a producir agora", indicou a directora xeral, que informou de que cada vez son máis os homes os que "optan por ser eles" os que concilien a súa vida laboral en lugar das mulleres.

Nesta liña, Ana María Díaz sinalou que, aínda que "segue habendo unha tendencia maior a que sexan as mulleres as que usen as medidas de conciliación", os homes "lentamente" se están a facer "máis conscientes do rol que deben ter".

SECTOR SERVIZOS

Segundo se desprende dun estudio sobre o emprego feminino realizado polo sindicato Comisiones Obreiras, o 82 por cento das traballadoras galegas emprégase no sector servizos, en ocupacións que teñen "unha maior taxa de precariedade, máis temporalidade e menores salarios", mentres que os traballadores do sector industrial son maioritariamente varóns.

O sindicato destaca tamén que o 20 por cento das mulleres galegas traballa a tempo parcial, en contraposición ao 5 por cento dos varóns, ao tempo que a porcentaxe con contrato indefinido é do 72 por cento, mentres que en homes se eleva ao 78 por cento.

Pola súa parte, segundo datos da Confederación intersindical Galega (CIG), tras a reforma laboral realizada polo Executivo central "só o 23 por cento" das traballadoras galegas que teñen 65 anos cotizaron os 38,5 anos necesarios para cobrar integramente a súa xubilación, fronte ao 71 por cento dos homes nesta situación

DÍA DA MULLER TRABALLADORA

O próximo martes día 8 conmemorarase o Día Internacional da Muller Traballadora, unha efeméride para a que asociacións, sindicatos e administracións este ano variaron de día as súas actuacións co obxectivo de evitar que coincidan co martes de Carnaval.

Por iso, por exemplo, a Xunta adiantará o acto conmemorativo ao luns 7 de marzo, cando se realizará un acto na Biblioteca da Cidade da Cultura, no que se presentarán tres dos catro volumes da obra 'Historia das mulleres de Galicia'.

As actividades que realizará a Xunta con motivo do próximo 8 de marzo estarán dedicadas nesta ocasión, baixo o lema 'Vivir a diferenza, garantir a igualdade', á muller minusválida, para denunciar que sofre unha "dobre discriminación", como muller e como persoa minusválida

Tamén a Marcha Mundial das Mulleres organizará con motivo desta data actos reivindicativos en Ferrol --día 6-- , Pontevedra --día 8-- , Vigo --día 8--, Santiago --días 11 e 12-- e Ourense --día 18--. Os sindicatos, pola súa banda, xa realizan dende a semana anterior varios actos reivindicativos de diversa índole centrados nas dificultades do emprego feminino.