Permanece no CHUAC, á espera da súa avaliación, o home detido pola morte da súa muller na Coruña

Publicado: jueves, 19 julio 2018 10:37

   Prestará declaración ante a Policía Nacional en canto finalice a súa valoración

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 19 Jul. (EUROPA PRESS) -

   O home, de 54 anos de idade, detido na tarde deste mércores pola morte da súa muller na vivenda que compartían na rúa da Estrela, na Coruña, permanece arrestado no Complexo Hospitalario Universiario da cidade (CHUAC), á espera de ser avaliado, para prestar, posteriormente, declaración policial.

   Segundo confirmaron a Europa Press fontes da Policía Nacional, o home prestará declaración despois de que conclúa a súa avaliación, aínda que non se especificou se se trata dunha valoración psicolóxica ou médica.

   A vítima, unha muller de 57 anos de idade, faleceu a consecuencia das feridas de arma branca a mans do seu marido. Ambos son de nacionalidade española.

   Inicialmente, os axentes activaron o protocolo de violencia machista pero, segundo fontes consultadas, esta cuestión terá que ser verificada no transcurso da investigación.

   Así, investíganse diferentes circunstancias, debido a que a muller padecía unha enfermidade grave, e terase que verificar se se autolesionara previamente. O home foi o que comunicou ás forzas de seguridade a morte da súa muller.

   Fontes da Delegación do Goberno confirmaron a Europa Press que non constaban denuncias previas da muller contra o marido. Cando os axentes acudiron ao lugar do crime, segundo as primeiras informacións, a casa estaba en aparente orde e non se detectaba rastro de pelexa a primeira ollada.