Permanecen estabilizados os incendios da Pobra de Trives e Cervantes e controlados outro cinco

Publicado: martes, 22 agosto 2017 15:56

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 Ago. (EUROPA PRESS) -

Os incendios forestais declarados nos municipios da Pobra de Trives (Ourense) e Cervantes (Lugo) permanecen estabilizados na tarde deste martes, mentres que están controlados outro cinco en Gondomar, Montederramo, Cervantes, Celanova e Guntín.

Segundo informa a Consellería do Medio Rural, desde as 9,50 horas está estabilizado o incendio declarado ás 22,16 horas do luns na parroquia de Cova, na Pobra de Trives.

As últimas estimacións sitúan a superficie afectada nunhas 20 hectáreas. Foron mobilizados polo menos tres axentes, nove brigadas, catro motobombas e unha pa.

Ademais está estabilizado desde as 7,30 horas deste martes o lume forestal que comezou ás 12,37 horas do luns na parroquia de San Tomé de Cancelada, no municipio lugués de Cervantes.

As últimas estimacións apuntan que a superficie queimada é dunhas 40 hectáreas. Nos traballos de control levan participado un técnico, tres axentes, 20 brigadas, oito motobombas, dúas pas, tres helicópteros e dous avións.

Pola súa banda, está controlado o incendio que se declarou ás 21,58 horas do luns na parroquia de Peitieiros, na localidade pontevedresa de Gondomar. As últimas estimacións sitúan a superficie en 38,94 hectáreas. Foron mobilizados oito axentes, 19 brigadas, 18 motobombas e dúas pas.

Así mesmo, está controlado desde as 5,20 horas deste martes eun segundo incendio que queimou unhas 20 hectáreas desde as 16,44 horas do luns na parroquia de San Tomé de Cancelada no municipio lucense de Cervantes.

OUTRO TRES LUMES CONTROLADOS

Ademais permanece controlado desde as 22,00 horas do luns o lume que comezou ás 16,47 horas na parroquia de Amoroce no concello ourensán de Celanova. As últimas estimacións sinalan que queimou unhas 16 hectáreas, oito delas de monte raso e oito de arborado.

Mentres, está controlado desde as 19,34 horas do luns o incendio rexistrado ás 13,55 horas na parroquia de Marrubio en Montederramo. Medio Rural apunta que queimou unhas 42 hectáreas, delas 18 de arborado e 24 de monte raso.

Pola súa banda, o incendio que comezou ás 17,32 horas do luns na parroquia de Castelo, no municipio lugués de Guntín, está controlado desde as 22,10 horas. Afecta a unha superficie de 23 hectáreas, delas 16 de arbora e sete de monte raso.