O persoal de Seaga inicia este domingo a folga contra a súa "discriminación" no acceso a prazas do Spdcif

Publicado 15/09/2018 18:26:40CET

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 15 Sep. (EUROPA PRESS) -

Os traballadores de Seaga inician este domingo, día 16 de setembro, unha folga indefinida para reclamar á Xunta que modifique o decreto que lles impide acceder en "igualdade de condicións" e os "discrimina" para as futuras prazas do Servizo de Protección e Defensa contra Incendios Forestais (Spdcif).

En declaracións a Europa Press, Josafat Puente, do comité de empresa de Pontevedra de Seaga, lembrou que este conflito ten lugar despois de que a Xunta trasladase ao persoal desta empresa pública que "deixará de levar extinción a partir deste ano", unha tarefa que pasará a realizar o Spdcif a través de reforzos máis longos.

Por iso, considera que a Xunta debe rectificar o decreto que só puntúa a experiencia das brigadas municipais dos Concellos e do os propios traballadores do servizo da Xunta.

"Levamos 12 anos apagando lumes, somos o persoal con máis experiencia despois do da Xunta", subliñou Josafat Puente, que pediu á Xunta que "solucione o problema" e "recoñeza a experiencia" destes traballadores.

"Antes dicíannos que non había diñeiro para ampliar o tempo de traballo en Seaga e agora resulta que si que hai diñeiro pero non para que nós traballemos", censurou o traballador.

"QUEREMOS FEITOS"

Ademais, informou de que o vindeiro martes a Xunta manterá un encontro cos sindicatos da Administración, unha cita na que Seaga non está representa pero que espera que sirva para avanzar nunha solución. "Parécenos ben que a Xunta teña diálogo pero queremos feitos, non palabras", engadiu.

Por último, avanzou que este luns, a partir das 11,00 horas, os traballadores manifestaranse ante a sede da Consellería do Medio Rural en Santiago de Compostela.

De cara ao paro indefinido que arrinca este domingo, o sindicato CIG anunciou que impugnará os servizos mínimos decretados do "100%" para a folga indefinida que o persoal de Seaga iniciará o vindeiro domingo, día 16 de setembro a partir das 00,00 horas.

A central nacionalista considera que a Consellería do Medio Rural pretende "limitar o exercicio deste dereito fundamental" polo que "impugnará a disposición".

Contador