A petición de dimisión a Paula Quinteiro pola dirección de En Marea provoca malestar no grupo parlamentario

 Consello das Mareas deste venres para abordar a situación de Paula Quinteiro
EUROPA PRESS
Actualizado: sábado, 24 marzo 2018 19:59

   Os críticos coa dirección tachan de carente de "lexitimidade" a resolución adoptada polo Consello das Mareas

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 24 Mar. (EUROPA PRESS) -

   A resolución adoptada polo Consello das Mareas, órgano máximo de dirección entre plenarios de En Marea, que pide a Paula Quinteiro, a parlamentaria implicada nun altercado coa Policía Local, que entregue a súa acta de deputada xerou malestar no grupo parlamentario, segundo fontes consultadas por Europa Press.

   Os deputados do partido instrumental reuníronse na tarde do pasado venres para tratar o asunto da súa compañeira Quinteiro, que se viu envolta nunha disputa coa Policía Local na madrugada do sábado ao domingo.

   Neste encontro, presidido polo portavoz, Luís Villares; os parlamentarios de En Marea alcanzaron o consenso de optar por non pedir a dimisión de Quinteiro (como reclamaba a coordinadora, que equivale á executiva nun partido clásico) e unicamente abrir expediente interno á deputada e esperar a instrución policial, segundo confirmaron fontes de En Marea a Europa Press.

   Horas máis tarde, o Consello das Mareas reuníase para abordar este asunto. Alí compareceu Paula Quinteiro (militante de Podemos e afín á corrente 'Anticapitalistas') para explicar o sucedido na madrugada do 17 de marzo, cando foi identificada pola Policía Local nun control contra vandalismo na rúa, onde chegou a esgrimir o seu carné de deputada, como recolle o atestado policial.

   Após abandonar Quinteiro a reunión unha vez exposta a súa versión, o grupo de críticos coa dirección de Villares --que non participaran nos consellos durante meses-- abandonou o encontro logo de que algúns dos presentes proferisen "ataques persoais" contra a deputada, como expuxo, en declaracións aos medios Pedro Rivera 'Peyo' (Marea de Vigo).

CRÍTICOS

   Este sábado, fontes do grupo de críticos consultadas por Europa Press sinalaron que a decisión do Consello "carece de lexitimidade" porque este órgano e a coordinadora "representan unha parte minoritaria que non se move nas coordenadas do espírito" da "maioría" de organizacións que conforman En Marea.

   Así, reiteraron que a súa decisión de abandonar a reunión debeuse a que certos asistentes "lanzaron ataques directos" contra Paula Quinteiro e que, a pesar de que o encontro comezou cun "afán concilidador", o ton foi virando cara ás "malas formas".

   Deste xeito, cren que a intención deste sector é lograr "un novo equilibrio de poder" dentro do grupo parlamentario que, á súa vez, segundo este grupo de críticos, non corre perigo de ruptura porque "funciona mellor" que os órganos de dirección do partido instrumental.

RESOLUCIÓN

   Logo de máis de tres horas de reunión, o Consello das Mareas adoptou a decisión de pedir a Paula Quinteiro que abandone a súa acta de parlamentaria por "principios éticos e de transparencia", xa que entenden que "non existen argumentos que expliquen o uso da condición de deputada en situacións persoais", polo que non ven na militante de Podemos á "persona adecuada para exercer as funcións de deputada".

   A resolución foi aprobada por maioría nunha votación na que se abstiveron Luís Villares e os outros dous deputados de En Marea que forman parte do Consello, Davide Rodríguez (Anova) e Paula Vázquez Verao (Cerna).

MALESTAR NO GRUPO

   Fontes de En Marea consultadas por Europa Press sinalaron que Paula Quinteiro tivo coñecemento da decisión polos medios de comunicación e que, minutos despois, foi informada a través dunha mensaxe ao seu teléfono.

   A resolución adoptada polo consello xerou malestar no seo do grupo parlamentario, xa que vai en contra do aprobado na reunión do grupo, na que participou un Luís Villares que, á súa vez, lidera os órganos de dirección do partido instrumental.

   Dáse a circunstancia de que o actual portavoz do partido elevouse a ese posto grazas á maioría que agora impera no Consello pero chegou ao máximo órgano de decisión noutra candidatura, cuxos integrantes hoxe en día conforman o grupo de críticos.

CARMEN SANTOS

   Tamén este sábado en declaracións aos medios nun acto en Ourense, a secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, reiterou o seu "apoio persoal" a Paula Quinteiro e deixou claro que a súa dimisión é unha "decisión estritamente persoal".

   Ademais, asegurou que a súa formación condena de forma rotunda "calquera tipo de violencia" pero deixou claro que non está disposta a "linchar a unha muller e compañeira na praza do pobo" nin a "seguir a axenda que marca un PP corrupto".

   PP: VILLARES, "TRAIZOADO POLOS seus ALIADOS"

   Pola súa banda, a deputada do PP Paula Prado volveu a referirse ao asunto de Paula Quinteiro e comentou que Luís Villares foi "traizoado polos seus supostos aliados", á vez que comentou que a situación do maxistrado en excedencia á fronte de En Marea é "insustentable".

   "Poderán dimitir Paula Quinteiro, Luís Villares ou ambos, pero o que parece imposible é que unha e outro poidan compartir bancada nunca máis no Parlamento de Galicia", declarou a viceportavoz parlamentaria popular.