A plataforma 'Galicia, Mellor Sen Touradas' pide que o Consello de Contas fiscalice as subvencións taurinas

Actualizado: miércoles, 20 agosto 2014 14:44

Case 10.000 persoas demandan o Concello de Pontevedra que suspenda o convenio de colaboración coa praza de touros

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 20 Ago. (EUROPA PRESS) -

A plataforma 'Galicia, Mellor Sen Touradas' pediu ao Consello de Contas, a través dunha misiva, que se inicie unha investigación sobre o uso de fondos públicos para subvencionar "toda clase de eventos taurinos", así como para colectivos que "defenden a pervivencia desta actividade de maltrato animal" en territorio galego".

En concreto, solicitaron que o ente fiscalizador analice as contas de municipios como A Coruña, Sarria, Padrón e Muíños, así como "os desembolsos realizados" polas deputacións da Coruña e Pontevedra, respectivamente.

Así, segundo informou a plataforma a través dun comunicado, estas dúas deputacións "subvencionaron de forma reiterada a grupúsculos taurinos", a través de convocatorias abertas a colectivos sociais e culturais".

Neste sentido, os abolicionistas tamén denunciaron "a opacidade mostrada" pola Deputación pontevedresa, dirixida por Rafael Louzán, e polos gobernos locais de Padrón, Sarria e Muíños, que segundo sostivo a coalición, "xamais fixeron público os balances de resultados da organización e patrocinio de festexos taurinos".

"MÁIS ESCANDALOSO"

"Máis escandaloso, se cabe, é o feito de que concelleiros empreguen diñeiro dos impostos para sufragar a adquisición de entradas, co único fin de impedir que as prazas portátiles instaladas nos respectivos municipios mostren unha mala entrada", criticou a plataforma.

Así mesmo, recordou o caso de Muíños, na provincia de Ourense, onde se suspendeu o festexo taurino e se devolveu o diñeiro de "as tan só 60 entradas vendidas". Debido a isto, os abolicionistas preguntáronse sobre "a potencial asistencia a cargo do presuposto público".

Ademais, 'Galicia, Mellor Sen Touradas' asegurou que "a inmensa maioría da cidadanía rexeita a tauromaquia" na comunidade. Isto, subliñou, "contrasta co interese e dedicación que determinados cargos electos mostraron coa pervivencia da actividade", chegando "mesmo a "negar información que debería ser pública" para o conxunto de galegos.

Por iso, os abolicionistas afirmaron que nos últimos anos formularon "diferentes queixas" ante o Valedor do Pobo, polos "inconvenientes e atrancos" que as administracións puxeron ás súas solicitudes de datos monetarios.

Coa resolución destes expedientes, a plataforma comunicou que puido coñecer "a montaxe real de subsidios" que a deputación coruñesa outorgou a "unha única pena taurina, e como o Concello da Coruña "cedía e adaptaba de forma gratuíta" unha instalación municipal, "a pesar da existencia dunha ordenanza que regulaba o pagamento de taxas por uso desta.

CASE 10.000 PERSOAS

Por outro lado, a plataforma de peticións 'Change.org' informou de que case 10.000 persoas se uniron á petición iniciada pola Asociación Animalista Libera, na que se solicita ao Concello de Pontevedra que "suprima o convenio de colaboración coa praza de touros".

Nesta petición, a asociación ecoloxista considerou que "non é coherente" que un concello que retirou as subvencións directas ás corridas de touros en 1999, "manteña convenios económicos cos mesmos promotores".

Así mesmo, en opinión deste colectivo, o goberno municipal "non necesita" asinar acordos cos empresarios taurinos "nin debe vender a idea de que non se subvenciona a tauromaquia mentres mantén as axudas dende hai 14 anos".

Ao respecto, segundo os datos que facilitou a asociación na campaña de recollida de sinaturas, dende o ano 2000 o concello "puido desembolsar máis de 500.000 euros" para a programación na praza de touros.

"ESCASO USO"

En relación con isto, o voceiro da Asociación Animalista Libera, Rubén Pérez, recordou "o escaso uso" que se fai da praza de touros para eventos culturais. "Como moito deben ser uns 10 ou 15 eventos ao ano", manifestou.

Entre eses eventos destacou a función da Feira Franca --a feira medieval, onde hai espectáculos con animais-- e unha ruta de cabalos da provincia. Tamén recordou que se usa como estanza dos animais da Cabalgata de Reis.

"En moitos destes eventos nin se chega a utilizar a propia praza, só os currais", sinalou Rubén Pérez, razón pola cal asegurou non entender "por que queren manter este convenio co empresario taurino, que supón 47.500 euros este ano e outros 47.500 euros o ano que vén".