SANTIAGO DE COMPOSTEla, 10 Mar. (EUROPA PRESS) -
O xefe do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, deu hoxe a "súa palabra" de que, no marco da negociación sobre a Lei de Caixas de Galicia aberta en Madrid, non pactará "nada" co Goberno central "que non supoña" a fusión de Caixa Galicia e Caixanova.
"Estou a disposición desta Cámara, non traizoarei o compromiso asumido aquí, non darei un paso atrás na defensa das competencias exclusivas de Galicia sobre as súas caixas e non pactarei nada que non supoña a fusión; ten vostede a miña palabra", sentenciou en resposta a unha cuestión formulada polo voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich.
Na liña, Núñez Feijóo volveu negar que haxa "un pacto" en Madrid entre PP e PSOE para "repartirse" as caixas galegas, como denunciou o BNG, e proclamou que se o presidente do Goberno central, o socialista José Luis Rodríguez Zapatero, ten "a mesma vontade" que o presidente nacional do PP, Mariano Rajoy, "haberá fusión". "Non nos equivoquemos de aliados", pediu.
Na súa intervención, o presidente galego resumiu a súa estratexia para "desbloquear" a Lei de Caixas en dous conceptos: "negociación e firmeza sen límites" co Goberno central e ratificouse en que o seu único obxectivo é responder "ao mandato parlamentario" e intentar lograr "a unión financeira" de Galicia.
Estamos e seguiremos respondendo ao mandato unánime de buscar a unión para conseguir a quinta caixa de España", proclamou, antes de agradecer ao BNG que responda "con coherencia" e sen entrar "en provocacións ou recursos políticos", en clara alusión ao PSdeG e ao Goberno central.
"O LÍMITE DO FROB"
Insatisfeito pola resposta de Núñez Feijóo, o voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, avisou ao presidente de que "si hai límites" para recordar, o tempo, de que xuño é o mes no que "vence o prazo" para a concesión de axudas do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB).
"E mentres temos a lei metida nas pedras, outros si se moven, Caja Madrid, CajaAstur e Caja Cantabria móvense para absorber as nosas caixas", alertou, antes de insistir en que o documento económico que o PP entregou ao Goberno a pasada semana "certifica" a existencia "dun pacto" entre 'populares' e socialistas para "repartirse" Caixa Galicia e Caixanova en grupos financeiros "afíns".
Neste contexto, Aymerich lamentou que Núñez Feijóo "se limite a facer declaracións" en vez de "actuar" e que non aplique os preceptos da Lei de Caixas que "non quedaron suspendidos" coa admisión a trámite do recurso de inconstitucionalidade. "De momento só hai declaracións de vontade, hai que pasar aos feitos", instou.
CHAMADA Á UNIDADE
"Non hai ningún pacto, máis que o pacto que temos coa sociedade galega", replicou o xefe do Executivo galego, quen instou ao BNG a non equivocarse de "aliados", e insistiu en que se Zapatero ten "a mesma vontade" que Rajoy --quen avalou recentemente en público a fusión-- haberá unión entre Caixa Galicia e Caixanova.
Neste sentido, lamentou que, "a diferenza" do que aconteceu noutras comunidades como Castela e León, Andalucía e Cataluña, o PSdeG decidira "bloquear" a fusión das caixas. "Sei que hai dirixentes socialistas que non están de acordo con esta postura e espero que convenzan ao resto", subliñou Feijóo, quen chamou á "unidade" no debate sobre as caixas, porque --incidiu-- non está en xogo "unha transferencia máis". "Está ser ou non ser, estar dentro das comunidades con caixas ou non", concluíu.
"ESCUSA" DO PSOE
O debate sobre as caixas estendeuse á segunda cuestión oral da sesión plenaria de hoxe, na que o líder do PSdeG, Manuel Vázquez, instou ao presidente a "dicir a verdade" sobre o sector financeiro galego.
"O recurso do Goberno de España é unha escusa para despistar a intención do PSOE, que é bloquear a fusión das caixas, esa é a verdade do sector financeiro galego", replicou Núñez Feijóo.