SANTIAGO DE COMPOSTELA, 14 May. (EUROPA PRESS) -
O Parlamento galego aprobou hoxe, cos votos a favor dos deputados do PSdeG e do BNG e o rexeitamento do PPdeG, unha iniciativa na que reclama á Xunta que incorpore "a implicación das empresas no uso do galego" como un criterio na concesión de axudas públicas aos comercios ou dos contratos de estes coa Administración.
Nesa liña, a Cámara tamén reclama que en todas as axudas se introduza "unha cláusula de promoción do galego". Así mesmo, a proposición aposta por incentivar a rotulación interior e exterior en galego e por fomentar o desenvolvemento de accións de información e asesoramento dirixidas a comerciantes, asociacións e entidades do sector.
O deputado nacionalista Bieito Lobeira, promotor da iniciativa, considerou que "é obriga dos poderes públicos actuar en defensa dos dereitos lingüísticos" e arremeteu contra o PP porque, segundo el, as emendas que presentou, e que non foron aceptadas, "rebaixan os contidos" previstos no Plan de Normalización Lingüística de Galicia.
"Nada por debaixo do plan de normalización", advertiu Lobeira. Ademais, acusou ao PP de ser "refén" de determinados medios de comunicación e denunciou que coa súa actitude, este partido en Galicia --a quen definiu como "sucursal galega do PP"--, non vai contra os nacionalismos, senón que "combate a identidade do país".
Pola súa banda, o deputado do PSdeG Francisco Cerviño destacou que o obxectivo da iniciativa aprobada hoxe, con emendas transaccionadas dos socialistas, é "incentivar a voluntariedade, nunca sancionar". Así, avogou por garantir os dereitos dos que queiran vivir en galego, porque "os que queren vivir en castelán non teñen dificultades".
Ademais, ao igual que Lobeira, reclamou o PP "que volva ao sentido común" e acabe co "clima de crispación" en materia lingüística, que segundo el alentan determinados medios de comunicación.
SEN CONSENSO.
A pesar deste chamamento, o PP votou en contra da proposta e unha vez máis non foi posible lograr na Cámara un consenso en materia lingüística, unha cuestión que tampouco se logrou no decreto sobre o galego no ensino nin no frustrado proceso de reforma estatutaria. Tanto Cerviño como Lobeira acusaron o PP de romper o consenso en materia lingüística.
Porén, o deputado popular Maximino Rodríguez destacou que a súa formación é partidaria das axudas para o uso do galego, tras o cal xustificou a súa decisión de votar en contra en que debe tamén se garantir que os comerciantes poidan rotular os establecementos no idioma que consideren máis axeitado aos seus intereses.
Rodríguez defendeu o "respecto ao principio da liberdade lingüística e comercial" e advertiu de que o plan de normalización "en ningún caso" se refire a "obrigar e impoñer". Así, lamentou a "dimensión penalizadora" que podería abrir a iniciativa, porque "só se pode garantir a través de resolucións imperativas".
Finalmente, avisou de que o "alarmismo" sobre a situación do galego "se volve contraproducente" e defendeu o "galeguismo aberto, cordial e integrador" do PP, xa que "abraza a lingua e non a afoga".