SANTIAGO DE COMPOSTELA, 13 May. (EUROPA PRESS) -
A Xunta está a estudar establecer para os que aspiren ao seu corpo de funcionarios un certificado que acredite o seu coñecemento e a súa capacidade na utilización da informática, un sistema similar ao disposto para demostrar o coñecemento do idioma galego.
Así o avanzou hoxe en comparecencia parlamentaria o conselleiro de Presidencia, José Luis Méndez Romeu, que explicou que este sistema substituiría ás probas que agora se realizan para tal efecto. Neste sentido, argumentou que non se pode seguir determinando o coñecemento mediante probas que presentan "dificultades" e que "non permiten discernir" o nivel dos aspirantes.
Ademais, apuntou que se poderían homologar os certificados do sector privado, ademais dos que expide a Escola Galega de Administración Pública (EGAP), como xa se fai no caso do galego. "Trátase de transformar un requisito de exame nun previo", resumiu o conselleiro, que sinalou que afectará a todas as escalas.
Por outra banda, Méndez Romeu destacou que o seu Gabinete inviste este ano case 60 euros por persoa na formación dos 16.000 empregados da Administración galega. Así mesmo, resaltou que durante 2008 se desenvolverán 388 accións formativas para un total de 11.000 traballadores, un 27 por cento máis dos que se beneficiaron en 2007.
Nesta mesma liña, comparou os 4.300 destinatarios de accións de formación 'on-line' deste exercicio cos 1.000 que accederon a este tipo de servizos en 2004. Explicou este aumento coa mellora de equipos técnicos nas dependencias da administración.
CRÍTICAS Á OPE.
Non obstante, o deputado 'popular' Antonio Rodríguez Miranda censurou a política de formación da Xunta, á que acusou de "desvirtuar" a EGAP transformándoa nun "instituto sociolóxico". Deste modo, recriminou ao conselleiro que dedique a escola a facer "enquisas, enquisas e máis enquisas".
Con todo, centrou a maior parte da súa intervención no "macroengano" da oferta de emprego público presentada recentemente polo titular de Presidencia, e reprobouno por non comparecer na Cámara por esta cuestión. De feito, incidiu en que só unhas 330 das máis de 3.000 prazas ofertadas son de libre concorrencia.
No entanto, Méndez Romeu rexeitou esas cifras e comentou que máis de 2.700 prazas son de libre acceso, aínda que nalgunhas delas se compute traballar para a Administración. Tamén avanzou que volverá ao Parlamento para explicar "a maior oferta de emprego público da historia da comunidade".