MADRID, 19 Nov. (EUROPA PRESS) -
A secretaria de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Marisol López, acusou hoxe ao PPdeG de converter o galego "nunha arma de conflito" pero matizou que a sociedade galega "non o sente así", polo que afirmou non entender as críticas dos populares ao Decreto do galego no ensino.
Durante a inauguración da exposición 'As nosas palabras, os nosos mundos' en Madrid, López respondeu deste modo ás declaracións do presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, quen se comprometeu a derrogar este decreto se gaña as próximas autonómicas.
Así, comentou que, aínda que o decreto se aprobou na época do actual bipartito, apoiase en todos os textos constitucionais, nos autonómicos, na Constitución e na Lei de Normalización lingüística, que promoveu o PP e que ratificou o Parlamento galego por unanimidade.
"Na hemeroteca pódense ver aos representantes dos tres grupos parlamentarios que consensuaron que o 50% das clases se impartisen en galego", subliñou, e preguntou a Feijóo que é o que pasou para que despois se saíse dese marco".
"O que debería quedar claro é que en Galicia non hai unha política de imposición do galego, e en Galicia vemos que o PP está a intentar utilizar este factor para fomentar un conflito político, que dende o punto de vista social non existe. En Galicia non hai ninguén que non coñeza o castelán", afirmou Anxo M. Lorenzo, coordinador da exposición, respondendo á mesma pregunta.
Así, garantiu que a Xunta aposta "por un ensino de calidade no que incorporan as dúas linguas oficiais en Galicia". "Hai un pequeno grupo que si que quere provocar unha segregación que é absolutamente inviable, e inaceptable, e a Lei de Normalización lingüística di no Artigo 13 que non se poden segregar por lingua os centros nin as aulas", criticou.
UNHA EXPOSICIÓN PLURILINGÜE
A Xunta presentou hoxe en Madrid a exposición 'As nosas palabras, os nosos mundos', que permanecerá no Círculo de Belas Artes ata o próximo día 25, e que defende a inexistencia dun "dereito único para cada lingua, senón un dereito universal lingüístico" para todos, responde á declaración, por parte da Comisión Europea, do 2008 como 'Ano do Diálogo intercultural' e ao 'Ano Internacional das Linguas' promovido pola ONU.
A secretaria xeral de Política Lingüística remarcou, en primeiro lugar, o papel "integrador" da lingua na sociedade, presentando o galego como "fío narrativo dunha mensaxe colectiva e de unidade". "A mellor política lingüística será aquela que naza do plurilingüismo como valor positivo e da convivencia como actitude imprescindible, enfocadas ambas as dúas cara á construción de dialogo e respecto, comprensión mutua, e integración social", reslatou López.
Así mesmo subliñou o "valor incalculable" da diversidade lingüística en España, da que todo o mundo "debería sentirse orgulloso", e a existencia dunha "obriga moral para a súa defensa". "A sociedade galega demanda apoio e consenso á política lingüística e faino porque non percibe o plurilingüismo como un problema, senón como un reto", afirmou.
A exposición que pasou por Bruxelas e varias cidades españolas, viaxará a Bos Aires antes de pechar o seu percorrido en Ourense, intentando promover o plurilingüismo, a convivencia global en harmonía e o uso do galego no marco da diversidade das linguas. Para iso presenta un espazo de 800 metros cadrados cunha visita guiada en sete idiomas diferentes: galego, castelán, euskera, inglés, francés e neerlandés-flamenco.