PP admite que a realidade do galego "non é óptima" pero destaca "esforzos" para desenvolver o plan de normalización

Pedro Puy
EUROPA PRESS/REMITIDO
Actualizado: lunes, 22 septiembre 2014 13:52

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 Sep. (EUROPA PRESS) -

O voceiro parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, recoñeceu que "a realidade existente no país" en relación co idioma galego "non é a óptima", pero atribuíu "esforzos" ao Goberno galego para impulsar "a plena normalización".

Preguntado en rolda de prensa coincidindo coa conmemoración dos 10 anos do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, Puy opinou que a Xunta "está a tratar o impulso" a este plan, pois é "un obxectivo compartido por todos os grupos de acordo coa realidade existente no país e coa lingua". "Que non é o óptimo, non é o que máis nos gustaría", engadiu a liña seguida.

Neste sentido, o popular subliñou que "certamente" o Executivo autonómico está a "resaltar aqueles lugares onde a lingua non está aínda" en condicións de dicir que opera con plena igualdade en relación co castelán".

"Polo tanto, creo que se están a facer esforzos para levar a lingua a ámbitos nos que é máis difícil --e estase a demostrar co tempo que é máis difícil--, como no mundo da xustiza e o mundo do dereito en xeral, e outros ámbitos semellantes", sostivo.

Puy engadiu que, ao seu xuízo, se "está a facer o que todos" coinciden que debe facerse", en referencia ao devandito "impulso" da "plena normalización para garantir o dereito de todo cidadán que se queira expresar en galego no seu país, en relación coa súa relación persoal pero tamén coas administracións públicas". "Impulsar e desenvolver o plan de normalización lingüística", resumiu.

A maiores, constatou que esta será "unha das cuestións que se debaterá no pleno" que arranca este martes e que o voceiro do grupo do PPdeG sobre estas cuestións "fixará alí a súa posición".