Actualizado: lunes, 29 junio 2015 20:42

Rueda celebra que os rexedores da Coruña e Ferrol asistisen ao "entender" que representan a todos os seus veciños

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 29 Jun. (EUROPA PRESS) -

   O vicepresidente e secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, e o voceiro parlamentario da formación, Pedro Puy, defenderon o discurso do presidente, Alberto Núñez Feijóo, que falou "en nome de Galicia" na entrega das Medallas Castelao, negaron que as súas palabras fosen un ataque ás mareas e censuraron que o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, non acudise ao acto.

   En declaracións aos medios, tras presidir a reunión do padroado da Fundación Galicia Europa, Rueda negou que a intervención na entrega das Medallas Castelao de Feijóo, quen apelou á "humildade" do intelectual galeguista para pedir respecto ás tradicións, supoña un ataque ás mareas.

   "Ao contrario", replicou Rueda, antes de alegar que o que fixo o presidente foi "falar en nome de moitísima xente que está de acordo en que, con independencia das opinións de cada un, as tradicións que son de Galicia, non de ninguén, senón de toda Galicia, como as Medallas Castelao, teñen que estar por enriba de ideoloxías".

   "Todo o mundo ten que saber que cando un ten un cargo institucional, cando se é alcalde, o que se fai é representar a todos os veciños do seu Concello: aos que lle votaron e aos que non. Nas eleccións é unha cousa e unha vez que se accede a un cargo é outra", esgrimiu.

   De feito, contrapuxo que "así entendérono" os alcaldes da Coruña, Xulio Ferreiro, e Ferrol, Jorge Suárez, que "alí estaban", a diferencia do rexedor compostelano, Martiño Noriega. "E seguro que estaban alí a representar a todos os seus veciños e creo que é o axeitado, entendendo que é un acto no que Galicia recoñece a cinco persoas que representan os valores de toda Galicia", agregou.

"NON É UNHA CRÍTICA"

   Así, insistiu en que o que fixo Feijóo na súa intervención foi remarcar que as tradicións "cando son aceptadas por todos, deben ser respectadas por todos", para engadir que se "alegra" de que os alcaldes da Coruña e Ferrol "o entendesen así" e acudisen para manifestar "o respecto" de todos os veciños aos que representan ás Medallas.

   "O presidente falaba en nome de Galicia, e non é unha crítica, senón unha constatación de algo que estamos seguros que pensa moitísima xente", reafirmouse, convencido de que os que chegan ás institucións deben "actuar con responsabilidade".

   Fronte a iso, advertiu de que "usar as institucións" para "seleccionar onde se quere estar e onde non" por "cuestións puramente persoais" é "un erro" porque cando alguén "representa o conxunto de veciños ten que ser consecuente con iso e non selectivo dicindo 'isto gústame e isto non'. "As institucións son outra cousa", resolveu.

NORIEGA "DEBERÍA REFLEXIONAR"

   Na mesma liña pronunciouse Puy, quen esgrimiu que o que fixo Feijóo foi "defender un costume e unha tradición como son as Medallas Castelao". "Pode interpretarse como unha crítica política ou como eu entendo que foi: unha defensa dalgunhas dos sinais identitarias do noso país, Galicia", resolveu.

   Ao tempo, sobre a ausencia de Noriega, respondeu que el é dos que cre que cando se convocan determinados actos institucionais o "razoable" é participar, igual que foi "razoable" que Feijóo acudise á toma de posesión do alcalde da capital galega.

   Tamén distinguiu entre os actos que teñen "un compoñente máis cultural" e que "non son propiamente institucionais", nos que asegurou "entender" que un alcalde pode "perfectamente" interpretar que o acto "non vai coas súas crenzas".

   Neste tipo de actos, sinalou que é "razoable" que se un rexedor entende que "non debe estar a título persoal" non acuda, "o que non quere dicir que non vaia a institución".

   "Creo que hai que deixar claras estas cuestións tanto cando a obxección provén dende unha postura máis próxima ás crenzas relixiosas ou cando provén de posturas máis laicistas", esgrimiu, antes de reafirmarse que "aos actos institucionais hai que asistir".

   "E cando a persoa que ten esa responsabilidade non considera conveniente ir porque non é acorde coas súas crenzas persoais, o que non debe comprometer é a presenza da institución. Hai fórmulas para evitar ese problema, pero nin sequera se buscan esas fórmulas", esgrimiu, para concluír que Noriega debería reflexionar ao respecto.

Más noticias