O PP rexeita a proposta de prohibir o cianuro para minaría

Actualizado: martes, 25 noviembre 2014 22:33

A oposición alerta dos riscos desta substancia e os populares apoian analizar proxectos concretos fronte ao "ecoloxismo arcaico"

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 25 Nov. (EUROPA PRESS) -

   Os deputados do PPdeG rexeitaron cos seus votos a toma en consideración dunha proposta de AGE para reformar a lei galega de minaría e prohibir o uso de cianuro para as extraccións, ademais de garantir as indemnizacións das empresas en caso de accidente, co argumento de que sería "irresponsable" avalar, en palabras de Pedro Arias, unha "lei mordaza".

   Tras defender Antón Sánchez (AGE) a iniciativa, que recibiu o respaldo do resto de grupos da oposición, o popular Pedro Arias esgrimiu que este non é un debate "novo", aludindo á implantación por parte da Xunta dun canon mineiro, e sinalou que o Goberno que dirixe Alberto Núñez Feijóo "paralizou" o proxecto de Corcoesto.

   Para Arias, este paso evidencia que hai que analizar cada proxecto concreto, pero que non se pode prohibir unha técnica que é "legal" e que, en determinadas "circunstancias" e en "doses axeitadas", pode ser "útil". Argumentou que así certifícao a Comisión Europea, polo que sería "irresponsable" estipular este "veto" de forma xeneralizada.

   "Nós imos defender a lei do bipartito (vixente na actualidade), os artigos que hai seis anos defendían o PSOE e o BNG, e que non obrigan a nada", remarcou Arias, quen marcou distancias co "ecoloxismo arcaico" e se opuxo a apoiar "unha lei mordaza" para proxectos mineiros. "Non podemos pechar a Galicia a un sector económico", sentenciou.

   "Os arcaicos son vostedes", replicou Sánchez, o voceiro no debate do grupo promotor da norma, quen advertiu ao PP de que "fai falta moita cara" para falar na Cámara de "lei mordaza". "Os arcaicos son vostedes, que apostan polo modelo africano para este país,", subliñou, para sinalar que a Comisión Europea "defende os intereses do lobby mineiro".

"ECONOMÍA ESPECULATIVA"

   Previamente, Sánchez incidiu en que as empresas mineiras optan pola extracción a ceo aberto e con cianuro por dúas cuestións: porque lles sae "máis barato" e é "máis rápido", o que lles favorece debido á variabilidade do prezo do ouro nos mercados mundiais --do que depende a súa "rendibilidade"--.

   "O modelo de extracción de ouro por cianuro é un modelo de economía especulativa, moi destrutivo e que nin sequera crea moito emprego", sentenciou Sánchez, quen asegurou que non é este o modelo que quere AGE para "o futuro", xa que "enriquece" as mineiras mediante técnicas cunha substancia "moi perigosa" para o medio e as persoas.

   Sánchez referiuse ao proxecto de Edgewater para Corcoesto como exemplo a rexeitar e subliñou que "o pasivo ambiental" en forma de lixiviados permanecería na zona durante "cen anos". A duración dos efectos ambientais aválaa --esgrimiu o deputado-- a mesma resolución do Parlamento europeo que constata que é "cuestión de tempo que haxa un accidente".

   Tamén remarcou que a mesma resolución incide en que non só os efectos perviven no tempo durante "anos" senón que as empresas extractoras non se fan cargo dos danos ecolóxicos, o custo dos cales asumen "os contribuíntes". A xeito de "recordatorio", aludiu á rotura dunha das balsas mineiras de Monte Neme, na bisbarra de Bergantiños.

"HAI ALTERNATIVAS"

   O parlamentario do PSdeG Abel Losada compartiu con AGE e co resto da oposición os riscos que entraña a actividade extractora mineira con cianuro, ao tempo que xustificou o respaldo do seu grupo a esta proposta ao interpretar que "mellora" a norma que actualmente está vixente na comunidade e que foi aprobada polo bipartito.

   Non en van, Losada incidiu en que o cianuro supón "un perigo" para o medio e os seres vivos polo que "non compensa" nunha análise de "custo-beneficio", e se mostrou convencido --tras citar o acontecido nalgunhas catástrofes como o 'Prestige'-- de que as explotacións deben basearse no concepto de que "quen contamina, paga".

   Tamén manifestou as súas dúbidas sobre a "paralización" do proxecto do Corcoesto, na mesma liña que manifestaron as súas compañeiras do BNG, Ana Pontón, e do Grupo Mixto, Chelo Martínez, convencidas de que a falta de respaldo do PPdeG a esta proposta evidencia que traballa en defensa doutros "intereses" que non son os de Galicia e o seu medio.

   Tanto Pontón como Martínez resaltaron, ademais, que existen "alternativas" para a extracción de ouro, pero que non se implantan, en palabras da deputada do Bloque, porque "restrinxen" os beneficios das empresas.

   Ademais, ambas as dúas constataron, igual que Sánchez, o risco de accidentes, e Pontón relatou algúns rexistrados nos últimos anos en Nevada, Ghana ou Nicaragua, entre outros. "O cianuro ten impacto na auga, o aire e o chan. É un veleno para todos os seres vivos", apostilou Martínez, para concluír que o seu uso só responde ao "enriquecemento" das mineiras.