SANTIAGO DE COMPOSTELA, 23 May. (EUROPA PRESS) -
As plataformas de afectados por participacións preferentes das caixas galegas manifestaranse o próximo sábado, día 25 de maio, en Santiago de Compostela para "reclamar a devolución dos seus aforros" e esixir que "sexa a banca quen pague o rescate e non os afectados".
"O goberno está a lexislar en contra dos cidadáns para rescatar á banca e aos estafadores, é unha situación realmente lamentable", denunciou este xoves en declaracións aos medios de comunicación o voceiro da plataforma de afectados da bisbarra de Compostela, Xesús Domínguez, quen animou a todos os cidadáns a participar na marcha convocada polos afectados e que, conforme sinalou, conta co apoio de todos os grupos da oposición galega.
En concreto, a manifestación partirá ás 11.30 horas da Praza de Galicia e rematará na residencia oficial do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en Monte Pio, para que advertir ao xefe do Executivo autonómico que "debe velar polos intereses dos galegos", para que "ese aforro sexa devolto e que sexan as entidades bancarias as que paguen".
E é que, segundo indicou, "máis de 60.000 afectados non recuperaron nestes momentos o seu diñeiro" polo que "o problema dista moito de estar solucionado". "O ministerio di que o próximo día 15 comunicará quítalas, co cal se porá de manifesto a imposibilidade de recuperar en moitos casos ata un 60 ou un 75 por cento dos aforros", apuntou Domínguez para destacar que "isto suporá que na práctica sexan os afectados os que paguen o rescate bancario".
"QUE O GOBERNO PIDA O RESCATE NECESARIO"
Ante esta cuestión, sinalou que, coa marcha do sábado, os afectados pretenden trasladarlle ao Goberno o seu desexo de que "lle faga caso a Merkel" que ofreceu ata "100.000 millóns de euros" para recatar a banca" e pidan a cantidade "necesaria para que a banca asuma esa liña de crédito ao 1 por cento e que o paguen" pois "decidiron pedir só 37.000 millóns, deixando os 1.800 millóns dos afectados aínda secuestrados".
Neste sentido, tamén criticou que, nestes momentos, Novagalicia "estea a dar beneficios" pois, ao seu xuízo, isto se debe a que "non paga a mercadoría, non devolve o aforro". "Calquera comerciante tería beneficios nesta época se non pagase aos provedores, se o Goberno lexislase que ningún comerciante debe de pagar aos seus provedores todos terían beneficios, pero isto só o fai coa banca", censurou.
Así mesmo, o voceiro da bisbarra de Compostela, que participou na protesta que os afectados de Santiago realizan ante a Casa do Concello da cidade, lamentou que "malia que a estafa está recoñecida por case todos os estamentos da sociedade, ninguén vaia ao cárcere".
"O propio Valedor do Pobo asegurou estar sorprendido de que, unha vez que todo o mundo recoñece que hai unha estafa masiva, aínda non haxa ninguén no cárcere", sinalou.
OUTRAS INICIATIVAS
Ademais, Xesús Dominguez explicou que a plataforma de Afectados de Compostela está a repartir polos comercios da capital galega carteis nos que se pode ler 'Este comercio apoia aos afectados, o goberno rouba aos aforradores e rescata á banca', que está a ter unha "boa acollida" nos establecementos.
"O comercio apoia a campaña porque se decata que eses 1.800 millóns de euros que están secuestrados, que non se nos permitirá recuperar é diñeiro que, deste modo, non vai entrar en circulación xa que a xente non lle pode botar a man", sinalou Domínguez, para asegurar que "o comercio, a economía en xeral de Galicia, son afectados polas preferentes".