Chega a primeira cervexa negra de auga das Illas Cíes

Mustache Negra Marinera
EP/MUSTACHE
Actualizado: martes, 3 marzo 2015 12:05

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 3 Mar. (EUROPA PRESS) -

A empresa Mustache presenta a súa 'Negra Marinera', a primeira cervexa negra do mundo realizada con auga de mar. En concreto, elabórase con auga procedente das Illas Cíes (Pontevedra), que "se purifica e microfiltra" para manter "intacta" a súa calidade e achegar "un delicado sabor salgado que contrarresta a intensidade dos maltes negros".

Trátase, segundo explicou a empresa a través dun comunicado, dunha bebida 'premium' "cunha imaxe sofisticada e elegante", creada para o maridaxe con mariscos e produtos do mar.

Ademais de auga do mar, a receita inclúe seis maltes de cebada "da maior calidade", tres variedades de lúpulo e pementa vermella da Güiana francesa. Mustache tamén detallou que é esta unha cervexa de dobre fermentación, a segunda na propia botella, onde de forma natural se produce a carbonatación.

A compañía apuntou que esta cervexa se debe servir en copa, co fin de "poder apreciar a súa fina burbulla, a súa escuma persistente, os seus aromas, o seu aspecto cremoso e o seu sedoso paso en boca, pouco habitual nas cervexas negras".

En canto á comercialización, comezará en Galicia "de forma inminente" e da distribución encargarase en exclusiva a empresa compostelana Disbecom. Con posterioridade, tal e como avanzou Mustache, estenderase á zona das Rías Baixas e a Mariña Alta.