O presidente da comisión das caixas responde a AGE e PSdeG que "non procede revisar" o carácter reservado

Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 19 junio 2013 23:16

SANTIAGO DE COMPOSTEla 19 Jun. (EUROPA PRESS) -

O presidente da comisión de investigación das caixas, Miguel Santalices, contestou aos voceiros parlamentarios de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) e do PSdeG, Xosé Manuel Beiras e Abel Losada, respectivamente, que "non procede revisar" o carácter reservado decretado para parte da documentación que se manexa neste órgano.

Así, no escrito remitido a Beiras, ao que tivo acceso Europa Press, o presidente da comisión asegura que levantar o carácter secreto acordado na Comisión e suspender as comparecencias previstas (que empezan este xoves), e como pedía AGE, "vulneraría os dereitos fundamentais de participación política" previstos na Constitución e desenvolvidos polo Regulamento da Cámara, e que se concretan "no dereito a formar parte e exercer a plenitude das facultades parlamentarias no seo da comisión de investigación creada polo pleno da Cámara".

En canto ao documento enviado a Abel Losada, o presidente da comisión tamén argúe que "non se inclúen" entre as súas facultades as de "revisar os acordos tomados democraticamente" pola comisión. "Un proceder tal violentaría os dereitos dos deputados integrantes da comisión a desenvolver na súa plenitude o cargo público representativo", sinala.

Tamén contestou ás dúas peticións realizadas por ambos os dous voceiros a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo, en senllos escritos, aos que tivo acceso Europa Press. No que contesta a Losada, recorda que a Presidencia "non ten facultades de reconsideración dos pronunciamentos realizados" polos órganos do Parlamento no exercicio das súas competencias"; mentres que responde a Beiras que "non procede elevar á comisión protesta ningunha sobre o uso abusivo" da normativa para declarar secreta parte da documentación.

(HABERÁ AMPLIACIÓN)

Contenido patrocinado