SANTIAGO DE COMPOSTELA, 7 Feb. (EUROPA PRESS) -
O presidente do Conselo da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, asegurou hoxe que "canto máis" corrixa o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o decreto que ultima sobre o galego no ensino "mellor iralle" á lingua de Galicia.
En declaracións á SER, recollidas por Europa Press, o presidente do órgano consultivo pediu á Xunta de novo que rectifique. En opinión de Villares, Feijóo debe de deixar a un lado os intereses partidistas polo ben do idioma propio. "Debería corrixilo, e canto máis siga os consellos do consello Galego mellor iralle ao galego, aínda que non sei aos intereses políticos do goberno", sostivo.
Ademais, o Consello da Cultura Galega esixiu o cumprimento da lei de normalización lingüística porque, segundo precisou, co decreto sobre o galego rompe o consenso alcanzado en últimos anos. Así, o presidente do CCG asegurou que é un "erro" interpretar que o órgano consultivo quere volver ao decreto do bipartito. "O punto esencial do informe do conselo é situarse no Plan Xeral de normalización lingüística, o último no que houbo consenso", engadiu.
Villares incidiu en que o galego é o idioma ameazado e non o castelán. "Está nunha situación de retroceso lento que se pode inverter ou parar. A curto prazo a sociedade galega non vai ser monolingüe, creo que o galego non se salva na escola, pode axudar, pero non se salva na escola, isto a vai todos os días, os rapaces estudan en galego, pero falan en castelán", aseverou.
"POLÍTICAS AGRESIVAS"
Con respecto ao menor uso do idioma, explicou que "hai unha caída social do uso do galego e unha desafección do paso dos pais aos fillos". "Pero en todo caso, non está a batalla perdida, se se fan políticas agresivas de apoio a galego podía mellorarse a situación, non hai receitas para as linguas, por moito que se empeñe un goberno", afirmou.
Por outra banda, Villares tamén criticou a "presenza esvaída" da cultura galega na programación do Xacobeo e comentou que se debería preparar con máis tempo. "Creo que a programación tivo que ser feita moi rápido e non había moito tempo para planificar, pero para saír do paso é a correcta", dixo.
Non obstante, incidiu en que necesitaba "máis preparación". "Creo que quedou un pouco esvaída a cultura galega e o Xacobeo, que non ten un perfil moi claro. Está esvaído entre espiritualista e turístico", concluíu.