O presidente do ICO estima que "non é bo" crear un ente galego de crédito e avoga por "sumar esforzos"

Touriño volve rexeitar este instituto proposto polo BNG porque os actuais instrumentos de Galicia xa están "un paso máis alá"

Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 19 noviembre 2008 18:13

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 19 Nov. (EUROPA PRESS) -

O presidente do ICO, Aurelio Martínez, rexeitou hoxe a creación dun organismo de crédito galego posto que, ao seu xuízo, o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) "xa cumpre esa función"; e, tras argumentar que a coordinación coas tres experiencias rexionais existentes "non é boa", apostou por "sumar esforzos".

Así, preguntado por xornalistas durante a xornada ''Medidas de apoio financeiro ás empresas galegas', apuntou que Cataluña, Andalucía e a Comunidade Valenciana contan cos seus entes de crédito, os cales non rexistran "unha relación directa" coa institución estatal, aínda que nos casos catalán e andaluz, existe coordinación do ICO con consellarías como Traballo e Promoción Empresarial.

No punto oposto situou a Galicia e eloxiou a "excelente e estreita colaboración" co Igape, ao mesmo tempo que asegurou que "está a exportar" o modelo de coordinación coa Comunidade galega a outras autonomías. Neste sentido, reiterou a súa aposta por "sumar axudas", posto que "o resultado adoita ser mellor" para as empresas e a sociedade.

Aínda que recoñeceu non ser "neutral" no seu xuízo, Aurelio Martínez incidiu en que a súa "opinión" é que "non é bo" crear un organismo propio para Galicia. "O Igape cumpre máis funcións que a estritamente financeira, consegue financiamento de moitas entidades, non só do ICO", valorou.

Pola súa banda, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, coincidiu con Martínez ao rexeitar o organismo no que insiste o seu vicepresidente, Anxo Quintana, ante a seguridade de que Galicia conta "con todos os instrumentos que necesita" para saír da crise; ao tempo que resaltou que esa constatación é "decisiva" na actual conxuntura económica.

"MELLORES" INSTRUMENTOS

Touriño tamén defendeu que os instrumentos dos que dispón a Comunidade galega son "os mellores" para afrontar a actual situación económica e esgrimiu que "non se pode pedir" que se modifique a "dirección" do Goberno de Galicia ante a crise, porque é a correcta".

Aínda que o xefe do Executivo galego tratou de resolver a cuestión ao remarcar que a súa "preocupación" é "a crise" e apostando por "traballar dende a unidade e a unión", retomou o tema para asegurar que Galicia "dispón de mellores instrumentos que outras comunidades autónomas" fronte á actual situación económica.

Así mesmo, rexeitou que se vaia "engadir nin restar nada" aos elementos cos que conta a autonomía para "saír pronto da crise". "O importante é a resposta da acción do goberno e non o que din os demais", sentenciou.

"Reitero a miña mensaxe", insistiu, e argumentou que existen mecanismos para "prestar, avalar e acompañar no risco aos emprendedores" que xa teñen unha "dirección económica integrada", coordinada polo conselleiro de Economía. Deste modo, entendeu que Galicia está "un paso máis alá" da proposta do BNG.

Contenido patrocinado