Prevén o regreso a Galicia dos xitanos que supostamente 'foron desterrados'

Actualizado: viernes, 28 noviembre 2014 20:30

Sinaí Giménez asegura que serán "ben recibidos" e acusa a Alvite de provocar "barullo mediático"

   VIGO, 28 Nov. (EUROPA PRESS) -

   A Asociación de Vendedores Ambulantes e Autónomos de Galicia prevé que os 410 xitanos zamoranos, que foron supostamente 'desterrados' polo consello de anciáns da Sociedade Xitana galega, regresarán aos seus fogares (maioritariamente no Porriño e Tui) "en cuestión de horas ou, como moito, días".

   Así o confirmou, en declaracións a Europa Press, o presidente desta Asociación, Francisco Romero Alvite, tras considerar que "a outra parte", en referencia os xitanos galegos comandados por Sinaí Giménez, quedou "desactivada".

   Romero Alvite mostrou o seu convencemento de que a denuncia presentada ante a Fiscalía para que se investigue ese 'destierro' "ilegal" surtiu efecto e "deixou en evidencia" as "prácticas mafiosas" da Asociación de Comerciantes e Ambulantes de Galicia e da organización Sociedad Xitana.

   "Estamos a organizar a volta, só espero por unha chamada para saber cando, pero facémolo por iniciativa propia, non hai acordo coa outra parte porque consideramos que non hai que tela en conta. Non hai cobertura legal posible ao que fixeron", subliñou Romero Alvite, quen advertiu, non obstante, de que a investigación da Fiscalía "debe seguir ata o final, ata as últimas consecuencias".

   Así as cousas, o presidente dos Ambulantes e Autónomos, descartou que se poidan producir enfrontamentos entre as dúas partes, porque "eles (en referencia á denominada familia real xitana e os seus seguidores) quedaron ao descuberto e toda a opinión pública sabe o que pasou".

   O conflito iniciouse cando a 'familia real xitana' invitou catro pastores evanxélicos a que se fosen de Galicia por consideralos "traidores", ao non apoiar o boicot que estaban a promover contra un mercado semanal en Tui. Centos de xitanos zamoranos uníronse a esa marcha en solidariedade cos pastores e, finalmente, segundo Francisco Romero Alvite, fóronse 410 persoas, entre elas, case un centenar de nenos.

SINAÍ GIMÉNEZ

   Pola súa banda, Sinaí Giménez insistiu, en declaracións a Europa Press, que non houbo tal desterro e que os xitanos que se foron realmente, porque "o 80 por cento volveu o mesmo día", non teñen máis que contactar co consello de anciáns e "aclarar que eles non foron os traidores e que foron manipulados por Alvite".

   "Os que se foron van ser ben recibidos. Diremos un día e un lugar para darnos a man, sen malos rolos", proclamou e engadiu que "a idea é que todo o mundo se reconcilie e eses malos entendidos queden excluídos".

   Giménez arremeteu contra Romero Alvite, ao que acusa de provocar un "barullo mediático" para desprestixiar os xitanos galegos. A ese respecto, asegurou que a actuación de Alvite desprende un "tufilllo racista e afirmou que esta persoa leva "20 anos" interpoñendo denuncias e boicoteando a actividade dos xitanos nos mercados.

   Sinaí Giménez sinalou que foi o propio Alvite o que provocou que certas persoas ("traidores") se desmarcasen do boicot á feira semanal, e criticou que tamén premeu os xitanos zamoranos para que non saísen de casa nin levasen os nenos ao colexio para dar aparencia de que se tiveran que ir de Galicia.