SANTIAGO DE COMPOSTELA 22 Ene. (EUROPA PRESS) -
O prezo medio do leite en novembro situouse nos 30,6 céntimos o litro, contía que representa un incremento do dous por cento respecto a outubro e do 12 por cento en relación a xullo, mes no que se rexistrou o importe máis baixo da presente campaña (27,4 céntimos o litro). Así, a media no que vai de campaña --iniciouse o 1 de abril de 2009 e concluirá o 31 de marzo de 2010-- alcanzou os 28,7 céntimos por litro.
Nun comunicado, o Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino (MARM) destacou que os prezos percibidos polos gandeiros evolucionaron á alza dende xullo ata novembro, segundo os datos obtidos a partir das entregas declaradas ao Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA).
O departamento de Elena Espinosa apuntou que estas foron as cifras trasladadas ás organizacións agrarias e á Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil) na reunión da mesa sectorial celebrada este martes.
Así mesmo, aclarou que os prezos que emprega a Comisión Europea nalgúns dos seus informes non están actualizados respecto aos datos de novembro e corresponden a importes estimados sobre a base dos de verán.