O programa de actividades de 'Os Axóuxeres' iníciase o sábado para incentivar a transmisión familiar do galego

Anxo Lorenzo constata "resultados espectaculares" nunha iniciativa que percorrerá as sete grandes cidades e outras 12 localidades

Europa Press Galicia
Actualizado: viernes, 3 septiembre 2010 17:12

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 3 Sep. (EUROPA PRESS) -

O programa de actividades 'Os Axóuxeres' iníciase o sábado en A Coruña con novas propostas nas que se buscará favorecer a incorporación do galego á comunicación entre as familias e os máis pequenos, mediante música, xogos, cancións e palabras.

A proposta está destinada a nenos de entre 0 e 3 anos, ás súas familias, e percorrerá as sete cidades galegas no seu formato de 'Festas' e outras doce localidades no formato de 'Encontros'.

En rolda de prensa, o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, destacou que o obxectivo principal é "animar os pais" a incluír o galego nas súas relacións cos seus fillos, "para non romper a cadea de transmisión da lingua".

Esta programación iniciarase o sábado en A Coruña coas 'Festas', un espectáculo dunha hora de duración que utiliza música, teatro e xogos no que se realiza unha homenaxe os avós, no seu "recoñecemento" polo traballo de coidado, educación de transmisión da lingua aos máis pequenos.

Na obra representada, unha nena chamada Eli axuda o seu avó, interpretado polo actor Xosé Manuel Oliveira 'Pico', a recuperar o caderno no que garda "os debuxos máis bonitos, as cancións máis fermosas e os xogos máis divertidos". Os protagonistas farano coa axuda de Totó, un boneco de pelo azul que está a aprender as súas primeiras palabras.

Tras pasar pola cidade de A Coruña, as 'Festas' trasladaranse a Ferrol (o día 5), a Lugo (o día 11), a Ourense (o día 12), a Pontevedra (o día 18), a Vigo (o día 19) e a Santiago, o día 25 de setembro.

Así mesmo, o programa inclúe os 'Encontros dos Axóuxeres', nos que se levarán cancións, adiviñas e xogos a outras doce localidades durante o mes de xaneiro. Como novidade, se introduce o novo formato de 'Obradoiros' que prolongarán a actividade das 'Festas', en setembro e outubro, e dos 'Encontros', no mes xaneiro, a través da "transmisión do afecto" e a creación dun "vínculo" entre pais e fillos.

RESULTADOS "ESPECTACULARES"

Anxo Lorenzo destacou, neste sentido, os resultados "espectaculares" deste tipo de iniciativas a pesar de tratarse dun tema "complexo" como é a transmisión da lingua no seo da familia e o efecto da cal non é "inmediato".

Por iso, o titular de Política Lingüística sinalou que o fin é achegar "pautas, recursos e sensibilizar" á sociedade galega para xerar "unha visión positiva" sobre o galega.

Contenido patrocinado