O PSdeG acusa ao PP de "dificultar o traballo" da investigación sobre as caixas para que "non saia a verdade"

Carmen Gallego en rueda de prensa
EUROPA PRESS
Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 19 junio 2013 20:13

SANTIAGO DE COMPOSTELA 19 Jun. (EUROPA PRESS) -

A vicevoceiro parlamentaria do PSdeG, Carmen Gallego, acusou este mércores ao PPdeG de "dificultar o traballo" dos deputados da comisión de investigación sobre a desaparición das caixas galegas co obxectivo de que "non saia a verdade". "O que quere é que non funcione", remachou.

Tras denunciar, en rolda de prensa, a excesiva documentación que se facilitou á comisión con carácter reservado, concluíu que a "formulación" deste órgano parlamentario só serve "á estratexia do PP", que "nunca a quixo" abrir. "Votou catro veces en contra", recordou, para interpretar que "se viu obrigado pola presión" a constituila.

Por iso, agora "o que quere é que non funcione e que non saia a verdade". E, "sobre todo", ao seu xuízo, o que pretende é "preservar ao autor do fracaso político e económico máis importante de Galicia", a fusión de Caixa Galicia e Caixanova "impulsada" polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Xunto con isto, ademais de recordar que o seu grupo xa presentou dous escritos de queixa para revogar o carácter secreto da documentación por entender que esta consideración é "un invento para ocultar" datos, criticou que os informes públicos están situados na mesma "sala vixiada" do Parlamento que alberga a información confidencial.

Así, como explicou, impídese aos grupos "levar persoal técnico" para estudar os documentos, o que facilitaría o seu labor e lles daría "máis tempo". E é que, proseguiu, este xoves comezan as comparecencias sen que os deputados tiveran tempo para ler "toda a documentación".

PARO DE AGE

A maiores, Carmen Gallego foi preguntada se estaría disposta a seguir a estratexia de AGE de non participar na comisión en caso de que non se "reconsidere" o carácter reservado de certa documentación.

"Non estamos a avaliar iso neste momento, senón que o traballo se nos está a dificultar", resolveu a vicevoceiro socialista, quen avanzou que, na próxima sesión da comisión, os socialistas "manifestarán o seu sentir".

Contenido patrocinado