PSdeG, AGE e BNG piden que Feijóo se reúna con toda a oposición e o PP avala "empezar polo grupo maioritario"

Xunta de Portavoces del 30 de septiembre
EUROPA PRESS
Actualizado: martes, 21 octubre 2014 14:59

O PSdeG defende que Feijóo "fale con todo o mundo", o BNG demanda "respecto ao pluralismo" e AGE cre que "lle importa todo un ravo"

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 21 Oct. (EUROPA PRESS) -

PSdeG, AGE e BNG coincidiron este martes en que "sería bo" que o presidente galego se reunise cos xefes dos principais líderes da oposición, ademais de con outros representantes dos cidadáns e de sectores estratéxicos da comunidade, e non só co socialista José Ramón Gómez Besteiro, mentres que o PP avalou "empezar co grupo maioritario".

"Creo que primeiro hai que empezar polo partido maioritario da oposición e despois será o presidente que decida en qué medidas os posibles acordos se poden estender a outras opcións políticas", esgrimiu o voceiro parlamentario popular, Pedro Puy, na rolda de prensa posterior á Xunta de Portavoces, que fixou este martes a orde do día do próximo pleno.

En todo caso, despois de que Feijóo explicitar a súa intención de abordar con Besteiro a renovación de órganos estatutarios pendentes como a Comisión de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), o Valedor do Pobo ou o consello de contas, Puy trasladou á oposición que, pola súa banda, está "plena e permanentemente aberto a calquera cuestión ligada ao diálogo".

Non en van, reivindicou que o seu grupo foi o que "máis" buscou o acordo no pasado Debate sobre o Estado da Autonomía e celebrou que Feijóo vaia chamar a Besteiro ao entender que "é bo que falen os líderes máis significativos do país". "Creo que é conveniente e espero que esa reunión se afronte con ánimo construtivo", resolveu.

"QUE FALE CON TODO O MUNDO"

Pola súa banda, o socialista José Luis Méndez Romeu remarcou que o seu xefe de filas, José Ramón Gómez Besteiro, comparecerá sempre que o chame" o mandatario autonómico e considerou "positivo" que se actualicen órganos estatutarios que están en "precario" nalgún caso "dende hai tres anos", así como para abordar outras cuestións "prioritarias" do ámbito económico e social.

Tras subliñar que o "balance" dos avances dende a primeira e única entrevista que Feijóo mantivo con Besteiro "é reducido" un ano despois, o voceiro socialista compartiu con AGE e BNG que "sería bo" que Feijóo fale "con todo o mundo".

"Sería bo que atendese á xente e que falase cos grupos políticos, xuntos, separados, como lle pareza oportuno, pero a política é diálogo e nunha situación tan dramática é conveniente que se busque, senón acordos, si coincidencia en análise e prioridades", remarcou o socialista.

Non en van, lamentou que "nunca" se vexan fotografías do presidente galego "falando coa xente, coas persoas que teñen problemas neste país,", para engadir que debería cambiar esta forma de actuar.

"IMPÓRTALLE TODO UN RAVO"

Na mesma liña, a vicevoceiro de Alternativa Galega de Esqquerda, Yolanda Díaz concretou que Feijóo debería reunirse "non só cos líderes da oposición, senón con todo o país" e estar "permanentemente dialogando e negociando" cos sectores estratéxicos da comunidade, aínda que fose formalmente".

"Se se tomase en serio o que pasa, pero lle importa todo un ravo. Dígoo así", constatou Díaz, quen advertiu de que Feijóo "leva dous anos", por exemplo, sen reunirse co comité de empresa dos dous centros produtivos de Navantia. "¿ Como é posible que non se reúna con eles? ¿O coa dirección da empresa? ¿O coa plataforma 'Stop Desahucios'?", preguntouse.

A liña seguida, interpretou que o que acontece é que o máximo mandatario autonómico quere "expropiar Galicia" e que "ten a cabeza noutra parte", sen "nada que ver" cos problemas que afectan á comunidade.

Convencida de que o que pasa con este presidente "é inaudito" á marxe de cuestións "ideolóxicas", incidiu en que mesmo o seu anuncio de que chamará a Besteiro se produciu despois de que este lle instase a falar máis coa oposición, cando "a xenerosidade" e a proposta de proxectos debería partir da Xunta.

Nesta conxuntura, concluíu que "claro que sería necesario e normal" que Feijóo se reunise con toda a oposición.

"PLURALISMO"

Pola súa banda, o voceiro parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, mostrouse partidario de que Feijóo teña en conta a todos os grupos para este tipo de encontros, que deben celebrarse "sempre en sede parlamentaria". De feito, advertiu que os nacionalistas non participarán "en ningunha cociña nin pacto que non sexa con luz e taquígrafos".

Dito isto, tras sinalar que lle parece "moi ben" que se acometa a renovación de organismos pendentes, sinalou que ao BNG lle preocupa, sobre todo, "cambiar as prioridades das políticas públicas" para loitar contra o paro e as desigualdades sociais. Para abordar este tipo de cuestións, sinalou que os nacionalistas están "a plena disposición" de Feijóo.

En todo caso, insistiu en que "un mínimo respecto ao pluralismo" da sociedade galega fai necesario "un diálogo entre todos os grupos", sobre todo, advertiu, nun contexto "de quebra do bipartidismo".