SANTIAGO DE COMPOSTELA, 19 Jun. (EUROPA PRESS) -
A vicevoceira parlamentaria do PSdeG, Carmen Gallego, criticou este mércores que o PP "non defende aos que foron a Suíza a traballar" pero si o fai cos que acudiron ao país helvético para "evadir impostos". E é que como dixo, mentres o Goberno "amnistía defraudadores", está a esixir declaracións complementarias a pensionistas que reciben prestacións do estranxeiro.
"Será legal, pero é absolutamente inmoral", advertiu, para, en rolda de prensa, subliñar que da amnistía fiscal decretada polo Goberno se beneficiaron o extesoureiro do PP Luis Bárcenas; o exsocio do duque de Palma Diego Torres, imputado no caso Noós; a prima do Rei relacionada coa Operación Emperador; e outros sete imputados no caso Gürtel, entre un total de 31.489 persoas.
E, como dixo, mentres que todos eles "eludiron un delito fiscal e se aforraron, de media cada un, 200.000 euros, Facenda "vai a por" pensionistas galegos, que son os que perciben as prestacións "máis baixas do Estado" e que "moitas veces son o sustento de toda a súa familia", que estiveron parte da súa vida traballando na emigración.
De seguido, criticou que Facenda lles dea "un prazo de 10 días" para presentar declaracións complementarias ás realizadas dende 2008, por entender que tiveron dous pagadores, e que agora deban aboar entre 12.000 e 15.000 euros de media pola regularización da súa situación fiscal, os intereses e a sanción.
Neste punto, a vicevoceira socialista na Cámara galega apuntou que "catro das cinco sentenzas" sobre casos similares avalan que os pensionistas non terían que presentar unha declaración complementaria polos seus ingresos do exterior sempre que procedan de organismos públicos.
QUE A XUNTA "SE IMPLIQUE"
Ademais, Carmen Gallego relatou que algúns dos pensionistas solicitaron un aprazamento dese pagamento "e lle dan 18 meses". "¡Como van ser capaces de afrontalo!", exclamou, para exemplificar as súas afirmacións co caso "dunha viúva" que percibe unha pensión de 33 euros do estranxeiro e "pouco máis de 400 euros" de España.
"Hai casos sangrantes", resaltou e, por iso, a través dunha iniciativa parlamentaria, pedirá á Xunta que "se implique" con estas persoas e que se analice se, efectivamente, teñen que presentar declaracións complementarias.
En caso que así sexa, requiriu ao Goberno galego que busque "un acordo" coa Axencia Tributaria para que non se lles impoña ningunha multa nin se lles cobren intereses, e para que lles poña "prazos suficientemente folgados" para afrontar a regularización.
Así, a deputada do PSdeG recordou as palabras da secretaria xeral do PP, María Dolores de Cospedal, sobre o "pagamento diferido" a Luis Bárcenas e reclamou para os pensionistas galegos afectados que tamén eles poidan "diferir" os importes a devolver a facenda pública.
QUE SIGA A ARBITRAXE
Á marxe diso, os socialistas pedirán á Xunta no próximo pleno que prosiga a arbitraxe para os afectados pola comercialización indebida de produtos híbridos de Novagalicia Banco, toda vez que o Goberno ten capacidade de decisión sobre esta entidade ao estar "intervida".
"¿Quen manda, (José María) Castellano ou o Goberno?", inquiriu Carmen Gallego, convencida de que, de haber vontade, "nada impide" a continuidade destes procesos.
Ademais, demandará o Executivo liderado por Feijóo que deixe de enganar os preferentistas" e que os trate como "vítimas", co fin de que reciban "a axuda que necesitan". Por exemplo, que os que decidan acudir á vía xudicial teñan "asistencia xurídica gratuíta".