Esixirá que a Xunta faga públicos "tódolos datos" sobre a Lei de Dependencia nunha sesión monográfica na Cámara galega
SANTIAGO DE COMPOSTELA, 17 Ago. (EUROPA PRESS) -
A deputada do PSdeG Beatriz Sestayo denunciou que en Galicia un total de 76.847 persoas "esperan por prestacións relacionadas coa Lei de Dependencia", cifra que, indicou, supera "nun 480 por cento" á "denunciada por Feijóo na campaña electoral" e que se situaba nas "16.000 persoas".
Así denunciouno este venres nunha rolda de prensa, na que acusou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de levar a cabo unha "fraude gobernamental" con respecto á normativa en materia de dependencia.
"A aplicación da Lei de Dependencia por parte do Goberno galego céntrase nunha serie de actuacións caóticas que vulneran unha normativa superior", asegurou a deputada socialista antes de considerar que "este caos ten como fin suprimir a dependencia en Galicia e erradicar a axuda a domicilio".
Para Sestayo, "esta armazón" posibilitou que a Xunta "recortase nun 80 por cento o plan concertado" coa escusa de "aumentar a Lei de Dependencia" pero, segundo apuntou, fronte a iso, "Feijóo e Rajoy reduciron esta normativa en máis do 50 por cento".
Neste sentido, puxo como exemplo que asociacións de persoas con minusvalidez "denuncian un retroceso nas políticas de minusvalidez duns 30 anos". Unha regresión que, sinalou, "tamén se experimentou nas medidas relacionadas coa atención a maiores e á dependencia".
DATOS PÚBLICOS
Ante estas cuestións, avanzou que o PSdeG pedirá unha "sesión monográfica" sobre a Lei de Dependencia na Comisión de Política Social co obxectivo de que a Xunta faga públicos "todos eses datos que subtrae" a través da "política totalitaria con aparencia democrática do Partido Popular".
"A intervención de Feijóo en Galicia non ten como fin igualar, senón desigualar e abrir unhas brechas sociais que evidencian que o a Comunidade non hai nin estado social nin estado de dereito", considerou.
Precisamente, detallou Beatriz Sestayo, esta "brecha" acentúase co "tarifazo" levado a cabo polo Partido Popular "a través o aumento dos prezos públicos".
A este respecto, denunciou que "fundacións, entidades e empresas piden o aumento das tarifas para que a dependencia sexa viable e, unha vez subidos os prezos, a Xunta adxudica a estas entidades os servizos" para "facer negocio" cos dramas de persoas".
Por iso, anunciou que o PSdeG preguntará ao Goberno galego, entre outras cuestións, "cál é o impacto da responsabilidade civil que pode motivar as condenas que os galegos están a poñer nos xulgados para reclamar as prestacións ás que teñen dereito", así como "a publicación dunha lista de prezos públicos de todos os servizos".