SANTIAGO DE COMPOSTELA, 7 Feb. (EUROPA PRESS) -
A voceiro de Pesca do Grupo Parlamentario Socialista, Marisol Soneira, esixiu hoxe á Xunta que presente os informes legais, xurídicos e ambientais preceptivos para levar a cabo a reforma do Plan de Acuicultura anunciado polo presidente da Xunta o pasado 28 de xaneiro.
Neste sentido, Soneira acusa, a través dunha interpretación parlamentaria ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presentada na Cámara galega, de "primar a especulación e marbellización" da costa.
"O Plan Acuícola levarase adiante sen que conste ningún informe ambiental, urbanístico, nin doutra índole", criticou a socialista. Na iniciativa presentada, esixe á Xunta que explique a qué organismos solicitou os informes previos para a modificación do plan.
Neste sentido, o PSdeG denunciou, nun comunicado, que "tampouco" consta o informe da asesoría xurídica da Xunta ou de Costas do Estado, ao que engadiu que "non se especificou qué rango legal ten a modificación puntual desta norma", polo que, ao seu xuízo, esta situación "permite a expropiación por parte da Xunta cando un propietario do terreo non estea de acordo co promotor".
"ESCENARIO CONFUSO E PREOCUPANTE"
"Todo isto nos sitúa nun escenario absolutamente confuso e preocupante xa que, lonxe da pretendida seguridade xurídica anunciada polo presidente, esta forma de proceder sitúa á acuicultura galega unha situación insostible", criticou Soneira.
Finalmente, a deputada socialista lamentou que se modifique "sen solicitar informes" o réxime de propiedade de terreos que "nalgúns casos son públicos ou están afectados por servidumes públicas".