O PSdeG resalta que en Galicia hai 187.000 parados sen prestación mentres Feijóo "vai a Cuba a buscar non sei que"

CC.OO. censura que a Xunta "non avale" a Pescanova porque "tiña que estar a abandeirar, co Goberno central, unha saída de xestión"

PACHI VÁZQUEZ PROPÓN CENTRAR O DEBATE POLÍTICO NO EMPREGO, OS CRÉDITOS E A GARAN
EUROPA PRESS/SOCIALISTASDEGALICIA
Europa Press Galicia
Actualizado: miércoles, 22 mayo 2013 20:15

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 22 May. (EUROPA PRESS) -

O secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, denunciou este mércores que comunidades como Madrid "están a botar xente do sistema laboral" á que consideran "non recuperable", de modo que a "condenan a exclusión social". En Galicia, como dixo, poderían verse afectados "os parados de máis de 45 anos" e "os que non reciben ningunha prestación", que son unhas 187.000 persoas dos 290.459 totais.

Referiuse, deste modo, a unha instrución enviada polo Goberno madrileño aos servizos de emprego, difundida pola Cadena SER, pola cal "as citacións a ofertas de emprego ou outros programas (...) serán dirixidas preferentemente a demandantes perceptores de prestacións".

"É unha barbaridade", subliñou Pachi Vázquez, partidario de camiñar cara a "un sistema de protección da exclusión social" en lugar de emular a práctica de "pintar de vermello" aos feridos en combate para evidenciar que os seus danos non teñen cura. Xunto a el, en rolda de prensa, compareceu o líder de CC.OO. en Galicia, Xosé Manuel Sánchez Aguión, quen acusou de "indecente" siquiera "formular" este tipo de medidas.

"Isto define a un Goberno, á súa actitude moral e ao seu compromiso coa cidadanía", sostivo, lamentando que os responsables do Executivo madrileño estean "dispostos a deixar na marxinalidade" a un importante número de persoas, ás que "se criminaliza coma se fosen os responsables da súa situación".

Ademais, Sánchez Aguión advertiu de que, aínda que "consigan maquillala, a realidade é moi testana" e, ao final, se imporá que "a xente o está a pasar mal". Ao fío diso, Pachi Vázquez censurou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, emprenda viaxe "a Cuba a buscar non sei que, porque o que poida traer será escaso", mentres Galicia "se desangra".

SITUACIÓN DE GALICIA

Neste sentido, recordou que os contratos de Pemex "seguen sin aparecer" e que aínda "non hai solución" ao tax lease; que o sistema financeiro galego escapa entre os dedos" mentres Novagalicia Banco e Caja España "deixan miles de familias" sen crédito"; e as dificultades de empresas como T-Solar, Pescanova ou a Fábrica de Armas de A Coruña.

"Todo isto dá unha visión absolutamente negativa dun país que está a caer e dun Goberno que non está para nada na solución dos problemas do país", resaltou Vázquez, para quen "son momentos de ir á política con maiúsculas" e de abordar "as cousas que preocupan á xente".

E, dende o seu punto de vista, "o 90 por cento" dos problemas das familias, os mozos e as empresas galegas pasan polo "emprego, o crédito e os servizos públicos". Por iso, trasladou a CC.OO. que intentará que o Parlamento debata sobre "políticas de emprego, de reactivación empresarial baseándose en créditos e de blindaxe dos servizos".

En todo caso, aludindo á entrevista concedida polo expresidente José María Aznar a Antena 3, interpretou que a dereita pretende "a destrución do sistema público". "Aznar di que hai que baixar impostos, pero non di a segunda parte: que hai que deixar de financiar o pouco que vai quedando de servizos públicos e dereitos sociais", concluíu.

COINCIDENCIA CON CC.OO.

Tanto no seu diagnóstico coma na súa pretensión de converter o Igape nun organismo público de finanzas que facilite o crédito a familias e empresas en lugar de unicamente executar "o 30 por cento" do seu presuposto, de reformar o sistema fiscal para gravar máis a quen ten e de poñer en marcha plans de emprego coincidiu o PSdeG con CC.OO.

"Existe moito grao de coincidencia", sinalou o propio secretario xeral do sindicato, quen valorou tamén o acordo en "algo que parece que se esquece", como é que os gobernos "gobernan para as maiorías sociais".

E, tras concordar que "as políticas do PP levan ao país a unhas cotas de paro absolutamente insoportables e á miseria social", Sánchez Aguión resaltou que "hai alternativa" ao actual proceder gobernamental.

Así, non só criticou que o PP "aproveita a crise para desmantelar o estado do benestar, para privatizar os servizos e transvasalos a mans privadas", senón que todos os sectores produtivos de Galicia "están en crise".

CRISE DE PESCANOVA

Recordou as crises en Caramelo, Navantia e empresas de telemercadotecnia, pero centrouse en Pescanova para recriminar á Xunta que "non a avale" cando "tiña que estar a abandeirar, xunto co Goberno central, unha saída de xestión e poñendo recursos".

"É unha empresa perfectamente viable que ten un problema financeiro moi importante", subliñou, e pediu que o Executivo autonómico actúe para "garantir o emprego" nesta compañía. "Moito discurso e pouco discurso", reprobou o sindicalista, crítico con que "se sanee á banca" e non se dispoñan fondos para outras cuestións.

"A CASA DO TERROR"

Así as cousas, preguntados ambos os dous sobre os datos positivos que esgrime Feijóo, en canto, por exemplo, ao cumprimento do déficit, Pachi Vázquez reiterou que un informe do consello de contas revela que en 2010 "se enganou en 400 millóns de euros".

Tras recomendar ao mandatario autonómico "pasear pola rúa" para constatar que "isto non vai moi ben", Sánchez Aguión lamentou que "vive nun mundo distinto do común dos mortais".

E é que, en canto ás políticas de déficit, subliñou que os recortes o converten "en alumno avantaxado do Goberno central e a Unión Europea" mentres "os efectos para a cidadanía son os contrarios". "Descríbesenos 'Alicia no país das marabillas' pero iso é 'A casa do terror"', remachou.

INFLUENCÍA DE MARCIAL DORADO

Finalmente, acerca de se as fotos co narcotraficante convicto Marcial Dorado puideron debilitar as relacións exteriores de Feijóo, o líder dos socialistas galegos evocou que el lle advertiu de que esas instantáneas "eran un problema" para el e tamén para Galicia".

"O presidente está contaminado por ese caso (...) e xa non fala de emprego, de finanzas, de créditos ás familias, de dereitos públicos, só está a esconderse", remarcou, pero advertiu de que "o problema é que a sociedade o está a pasar mal e lle fan falta solucións".

Contenido patrocinado