O PSdeG traslada o seu apoio a Sánchez para lograr un "cambio político" en España "no primeiro momento que sexa posible"

A deputada do PSOE Luz Martínez Seijo e Gonzalo Caballero
EUROPA PRESS
Actualizado: jueves, 24 mayo 2018 21:04

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 24 May. (EUROPA PRESS) -

O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, trasladou o seu apoio á dirección federal do Partido Socialista e ao seu secretario xeral, Pedro Sánchez, para lograr un "cambio político" en España no "primeiro momento que sexa posible".

O xefe de filas dos socialistas galegos pronunciouse deste xeito ao ser preguntado pola posibilidade de que o PSOE presente unha moción de censura despois da sentenza do caso Gürtel que condena á formación a pagar 245.000 euros como responsable a título lucrativo na primeira época da trama.

Despois de mostrarse partidario de esperar a que este xoves a executiva federal fixe a súa posición, asegurou que, "nestes momentos", o que ten a pelota no seu tellado é o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, quen, na súa opinión, "debería estar a reunir á dirección do Partido Popular para asumir responsabilidades políticas".

E é que, segundo censurou, a sentenza "pon ao Partido Popular contra as cordas". "Un partido no que a corrupción penetrou a todos os niveis, a cidadanía española non merece o nivel de corrupción", apuntou.

Por iso, instou a Rajoy a "asumir responsabilidades" ante un fallo que di "con claridade" que "o presidente non é o suficientemente crible no que di nos tribunais cando fala da corrupción" no seu partido".