O PSdeG ve "unha cerimonia de confusión" do PP que goberne a lista máis votada e AGE acúsao de "golpe de Estado"

Méndez Romeu en rueda de prensa
EUROPA PRESS
Actualizado: martes, 29 julio 2014 14:14

"O seguinte paso que pode dar o Partido Popular é meter os tanques no Parlamento", avisa Juan Fajardo

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 29 Jul. (EUROPA PRESS) -

O PSdeG censurou este martes a proposta do Partido Popular de que goberne a lista máis votada nos concellos, na que ve que "unha cerimonia de confusión" para que non se traten os problemas que afectan os galegos, mentres que AGE a acusou de "golpe de Estado".

O luns o PP galego acordou que impulsará que goberne a lista máis votada mediante o debate de mocións en todos os concellos da Comunidade e dunha proposición non de lei no Parlamento de Galicia que incidirá no mesmo sentido.

Preguntados por esta cuestión en senllas roldas de prensa do PSdeG e AGE, o voceiro parlamentario dos socialistas galegos, José Luis Méndez Romeu, acusou ao Goberno galego encabezado por Alberto Núñez Feijóo de "pretender agora unha cerimonia de confusión para evitar que se poida debater sobre os problemas sociais enormes que están cotidianamente na preocupación dos cidadáns e evitar debater sobre a non recuperación económica de Galicia". Pola súa banda, o deputado de Alternativa Juan Fajardo denunciou que "o seguinte paso que pode dar o PP é meter os tanques no Parlamento porque é un golpe de Estado".

Nesta liña, Méndez Romeu considera que a proposta dos populares busca ocultar "os paupérrimos datos de contratación" e "formular debates artificiais que significan unha clara ganancia de parte". "A reforma electoral de Galicia persegue a perpetuación no poder do PP e, sobre todo, a exclusión doutras forzas políticas do propio Parlamento, censurou.

Así, sobre a posibilidade de que goberne a lista máis votada, Méndez Romeu recriminou que "sería a primeira vez en catro décadas da democracia que unha reforma electoral non está consensuada".

Ao respecto, remitiuse a unhas palabras do novo líder do PSOE, Pedro Sánchez, nas que acusou de "pucherazo" o recorte de deputados en Castilla La Mancha e afirmou que non aprobará "en ningún caso" a elección de alcaldes ao modo que formula o PP.

"PERPETUARSE NA CADEIRA PARA SEGUIR ROUBANDO"

En rolda de prensa, o deputado de AGE Juan Fajardo lamentou esta proposta como "un retroceso democrático inaceptable", posto que afirma que os populares buscan modificacións legais en "todos os textos que teñen que ver coas leis electorais" que "permitan que siga gobernando o PP a pesar de que o vote un 10% ou 15% do conxunto da cidadanía". "Iso é un golpe de Estado en toda norma", apostilou.

Por iso, AGE deixou claro que "é absolutamente inaceptable", porque "significa quitar capacidade de representación á cidadanía para poñer os caciques de sempre a gobernar".

"O señor Rueda dicía estes días xa era hora de que que os alcaldes os elixise a cidadanía e non se decidisen en despachos escuros, ¿en que despachos?, ¿no iate de Marcial Dorado?", criticou Fajardo.

Neste sentido, acusou o PP de "querer que o seu dedazo" decida os alcaldes e "sexan os fillos de anteriores presidentes de Deputación inmersos en procesos de corrupción".

En contraposición, AGE aposta por cuestións como a revocatoria, para que dous anos despois de elixir un alcalde os cidadáns poidan decidir que o revoga porque ese alcalde non cumpre os mínimos" esixidos; e aposta por que temas fundamentais como presupostos ou plans de xestión "sexan sometidos a referendo".

Finalmente, Juan Fajardo cargou contra o PP que "modifica as leis para perpetuarse na cadeira para seguir roubando", porque "un partido que ten o maior número de casos de corrupción e se se fala en termos de porcentaxe se pode falar mesmo de que pode ser unha pseudo organización criminal". "O que deberían facer primeiro sería limpar a súa casa, quitar a podremia e a morralla, e despois falar de democracia", reprochou aos populares.