PSOE e BNG formalizarán este xoves unha moción de censura para desaloxar a Elena Candia

Actualizado: miércoles, 7 octubre 2015 18:34

Besteiro avanza que suporá recuperar a "normalidade democrática" pero Feijóo a vai "o pacto da vergoña"

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 7 Oct. (EUROPA PRESS) -

   A Deputación de Lugo será este xoves escenario dunha moción de censura asinada polos grupos provinciais de PSOE e BNG para retirar á popular Elena Candia o mando da institución.

   Se ben os votos de ambas as dúas formacións de esquerda suman a maioría absoluta da corporación, aínda permanece na memoria o acontecido o pasado 24 de xuño, cando o alcalde de Becerreá, o socialista Manuel Martínez, decidiu non renunciar á súa aspiración de presidir a deputación e, así, negouse a apoiar o candidato proposto polo seu partido, Darío Campos, rexedor da Pontenova.

   Tras ser vetado como candidato polos nacionalistas debido á súa imputación, rompeu a disciplina de voto do seu grupo e optou por votarse a si mesmo e facilitar a designación de Elena Candia como presidenta.

   Consciente de que a perda da Deputación de Lugo, que dirixiu durante oito anos o xefe de filas do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, tamén supoñía para os socialistas non lograr o liderado da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), o partido dedicouse dende entón a tratar de facer cambiar de posición a Martínez, que inicialmente insistía en que el tería que ser o candidato á Presidencia.

   Unha vez logrado isto, coa promesa de que entraría no goberno provincial, o pasado 25 de setembro rexistrouse a moción de censura que permitirá reeditar un goberno de coalición na Deputación de Lugo.

"SORPRESAS"

   E, aínda que nos últimos días tanto Campos como o propio Besteiro manifestaron que esperaban que non houbese "sorpresas" esta vez, a principios desta mesma semana o primeiro edil da Pontenova chegou a admitir que "sempre pode aparecer algo" a última hora.

   Sobre Manuel Martínez aínda pesa un expediente disciplinario aberto polo PSdeG a finais de xuño ante "a enorme gravidade", en palabras da secretaria de Organización, Pilar Cancela, de que se negase a acatar a proposta do partido e propiciase o goberno do PP na Deputación de Lugo.

   O BNG, pola súa banda, sempre mantivo o seu veto sobre Martínez, tanto polo feito de que continúa imputado por unhas obras en Portomarín -da súa etapa como deputado provincial responsable de fomento- e tamén polo seu comportamento na votación. "Dado o que fixo no pasado, debe deixar paso", argumentaron os nacionalistas.

TRES MESES DO PP

   En paralelo a todos estes movementos no PSdeG, que custaron a Besteiro críticas do PP á súa falta de "liderado", Elena Candia situouse á fronte da institución e aproveitou para revisar todos os documentos e decisións da etapa anterior.

   Así, conmutou o Audi A-8 que utilizara Besteiro por unha furgoneta e non dubidou en contratar "unha auditoría externa" que avaliase o seu labor. Froito diso, decidiu remitir á Fiscalía o expediente das obras do centro asociado da UNED en Lugo e enviar á oficina antifraude da Unión Europea a documentación relativa ao programa Innova-Te.

   De igual modo, nunha xunta de goberno extraordinaria a dous días do pleno no que se debaterá a moción de censura, decidiu conceder axudas por valor de case tres millóns de euros a 33 concellos, 31 deles liderados polo PP.

"NORMALIDADE DEMOCRÁTICA"

   A poucas horas de que se celebre esa sesión plenaria, a propia Candia sostivo que afronta a moción de censura -que "supón" que prosperará- dentro da "normalidade", pero dende filas populares sucedéronse duras críticas a esta operación.

   Mentres o líder provincial do PP lucense e voceiro da súa formación no Senado, José Manuel Barreiro, interpretou a manobra como un intento de lanzar un "salvavidas" a Besteiro, o propio presidente da Xunta e xefe de filas do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, considerouno o "pacto da vergoña", no que o PSOE "invita", o BNG "acepta" e a xente "paga".

   O secretario xeral do PSdeG, en cambio, celebrou que poida recuperarse a "normalidade democrática que nunca se debeu torcer" e que a presidencia da Deputación de Lugo vaia responder ao "que a maioría dos veciños da provincia dixeron co seu voto". "Dixeron que non querían PP, senón un goberno progresista", resaltou.

VOTACIÓN

   Neste escenario, a votación producirase este xoves ao mediodía tralas intervencións dos voceiros dos grupos, da actual presidenta e do candidato a sucedela.

   Nunha urna, cada un dos 25 deputados provinciais deberá escribir nunha papeleta se 'si' ou 'non' avala a moción, ou ben deixala en branco. PSOE e BNG contan con 13 deputados, por 12 do PP.