O PSOE obtén en Beariz (Ourense) tres votos menos que integrantes tiña a súa lista

Actualizado: martes, 26 mayo 2015 17:57

O BNG obtén en Entrimo e Taboadela (Ourense) só un voto máis que persoas levaba na súa lista, igual que aconteceu aos socialistas en Vilar de Santos (Ourense)

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 26 May. (EUROPA PRESS) -

Os resultados das eleccións municipais en Galicia deixan en Galicia datos curiosos, como comprobar que algunhas das persoas que concorreron a elas nin sequera se votaron a si mesmas. Foi o caso dos socialistas de Beariz, localidade ourensana na que recibiron só seis papeletas malia ter nove candidatos.

As razóns desta circunstancia son múltiples e abranguen dende o empadroamento dalgún dos integrantes da lista noutro concello a un problema médico que impida acudir ás urnas o domingo.

Se ben o do PSOE de Beariz é o único caso dun partido que recibiu menos papeletas que persoas levaba na lista, en todas as provincias galegas se rexistraron outros resultados axustados.

A que máis destes supostos acolleu é a provincia de Ourense, pois tanto PSOE como BNG obtiveron poucos máis respaldos que persoas formaban parte das súas candidaturas en localidades como Entrimo, Taboadela, Vilar de Santos, Beade e Punxín.

UNS POUCOS VOTOS MÁIS

Así, o Bloque recibiu en Taboadela unha decena de votos, só un por enriba dos seus aspirantes a entrar na casa do concello, e o mesmo aconteceu en Entrimo: os nacionalistas presentaron nove titulares e cinco suplentes e recompilaron 15 papeletas.

De igual modo, os socialistas de Vilar de Santos sumaron oito sufraxios, por sete candidatos que se presentaron; e a formación frentista captou en Beade catro votos máis que membros tiña a súa lista, que chegaba ata sete e engadía un suplente.

En último lugar dentro da provincia ourensana, en Punxín os 13 apoios que tivo o Bloque son seis por enriba dos sete membros da súa lista.

OUTRAS PROVINCIAS

Da provincia da Coruña, o caso máis rechamante é o de Non á Especulación Urbanística, que concorreu con 11 representantes ao concello de Val do Dubra e obtivo 14 papeletas.

No municipio pontevedrés de Mondariz-Balneario, os socialistas presentaron unha lista integrada por sete titulares e un suplente e unicamente obtiveron 15 respaldos.

Finalmente, en Mondoñedo (Lugo), segundo datos solicitados por Europa Press, Coalición Galega retivo 23 sufraxios con 11 candidatos.