O PSOE reclama a Baltar que abandone a Deputación de Ourense e o PP replica que non contribuirá ao "barullo mediático"

Pleno de la Diputación de Ourense
ALBERTE PAZ GARZA; ALBERTE PAZ
Actualizado: viernes, 28 noviembre 2014 19:33

Baltar volverá enviar á oposición informes dos congresos dos que saíu presidente do PP e o BNG o acusa de "usar a institución ao seu antollo"

OURENSE, 28 Nov. (EUROPA PRESS) -

O PSOE reclamou este venres ao presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, que deixe o seu cargo, extremo ao que o PP replicou que non contribuirá ao "barullo mediático" iniciado tras a investigación xudicial sobre posible financiamento ilegal do PP na provincia.

Na sesión plenaria da Deputación, o PSOE presentou unha moción de urxencia para reclamar ao presidente toda a información, facturas e decretos relativos ao pagamento do pavillón de deportes Paco Paz en xaneiro de 2010 para o congreso provincial do PP, no que Baltar Blanco foi elixido presidente do partido, tomando o relevo do seu pai, José Luis Baltar Pumar.

Non obstante, o debate da moción xirou finalmente en torno ao auto da xuíza Pilar de Lara emitido hai unha semana, no que apunta indicios de que o PP de Ourense puido financiarse de forma irregular, e ás declaracións do exxerente do partido na provincia en sede xudicial e ante os medios de comunicación.

"O que dixo o exxerente non ten interese só xudicial, senón tamén político, pois pon en cuestión todo o que vostede, señor presidente, pregoa en torno á transparencia e a ética", espetou a Baltar o voceiro do PSOE na Deputación, Ignacio Gómez.

"FUXIDA CARA A DIANTE"

Segundo o socialista, Baltar Blanco inicia "unha fuxida cara a diante" ao anunciar que se querelará contra el, pero lle advertiu de que "moitos dos brazos que o rodearon" hai uns días no congreso de Verín, ao que asistiu o presidente da Xunta e do PP en Galicia, Alberto Núñez Feijóo, "son coitelos que non se cravarán ata despois das eleccións".

Ademais, preguntoulle se "podería seguir levando as rendas desta casa" e, ao mesmo tempo, "colaborar coa Xustiza ante as sospeitas que caen sobre o anterior presidente, que ademais era o seu pai".

E é que, como recalcou, Baltar Blanco "non pode ser fiscal e avogado defensor" e non pode "liderar a transparencia" tendo sobre el "a tormenta da corrupción". "Non pode recuperar esta institución porque non ten credibilidade e, ante esa tormenta, o mellor é que non ocupe ese cargo", sentenciou Gómez.

"MONTAXE"

Ante iso, o voceiro do PP na Deputación de Ourense, Plácido Álvarez, afeou o socialista a súa pretensión de "barullo e ruído mediático, agora de moda", e deixoulle claro que se nega a colaborar nesa "montaxe".

En canto ao congreso sobre o que versaba a moción, recordoulle que "xa recibiu hai meses toda a documentación". Neste extremo baseou a súa negativa á iniciativa presentada, "por extemporánea e falta de fundamento".

Na súa quenda de réplica, Gómez incidiu en que no congreso do PP de 2010 "comezou o reinado deste señor", en alusión a Manuel Baltar, e subliñou que tras iso "acontecen estas cousas que agora se descobren".

A maiores, referiuse a ese conclave e ao "non pagamento das instalacións" para alertar de que, ademais de incumprir a ordenanza, o PP puido incorrer en "malversación de fondos públicos". Nese sentido, incidiu na necesidade de relevar "a quen dirixe isto, porque os cidadáns perciben que hai persoas aquí que non son honradas".

DOCUMENTACIÓN OU XULGADO

Pola súa parte, o voceiro do BNG, Leopoldo Rodríguez, acusou o PP de "usar a institución ao seu antollo", como un "terreo particular que como é súa fan o que queren nela".

"Pedímoslle que disipe dúbidas sobre aquel congreso de 2010 e poña aí a documentación pedida, e xa está; é de sentido común e doado de facer", agregou, sen ningunha alusión á investigación xudicial de Pilar de Lara.

Finalmente, o PSOE sinalou que se o PP non entrega a documentación "podería estar a cometer un delito" e advertiu: "Non nos fagan ir ao xulgado, sempre é mellor dar explicacións aquí que ante un xuíz".

Baltar pechou o debate co breve anuncio de que volverá remitir, agora ao PSOE e ao BNG, todo o contestado ata agora por escrito ao Grupo Socialista en relación cos congresos do PP de 2010 e 2013.

"FICHAXES RUTILANTES"

Outra das mocións de urxencia, neste caso do BNG, abriu un debate sobre "condutas reprobables e antiéticas" do PP, en relación ás "fichaxes" realizadas por Manuel Baltar entre as filas dos outros partidos.

Entre os dous grupos da oposición debullaron esas "fichaxes rutilantes", como o exsocialista de San Cibrao das Viñas Eladio Fernández, o exmilitante do PP e exindependiente da Mesquita Francisco Montesinos e o exindependiente e alcalde dos Blancos, José Manuel Castro.

Ao respecto, o voceiro do PSOE dixo non crer nas adhesións "inquebrantables" e si nas que son "por interese". "Son as peores e non son rexeneración, senón prostitución da democracia, e séguese facendo aquí", reprobou.

Así mesmo, o nacionalista reprochou ao PP ter como única ética "conseguir maiorías absolutísimas" e prognosticou que "as van ter en Soto do Real", o cárcere.

En resposta, Plácido Álvarez apelou á "responsabilidade" para "non entrar no tema". "Porque toca dignificar a política", concluíu, antes de que o PP tombase coa súa maioría absoluta ambas as dúas mocións de PSOE e BNG.