NOIA (A CORUÑA), 15 (EUROPA PRESS)
O xuíz decretou hoxe liberdade con obriga de comparecer mensualmente para Andrés L.D., o empregado dunha empresa do Porriño (Pontevedra) detido o martes pola Guardia Civil pola súa suposta implicación na morte da azafata viguesa Elena Calzadilla.
Segundo confirmaron fontes xudiciais, tras prestar declaración, o maxistrado do Xulgado de 1ª Instancia e Instrución Número 2 de Noia (A Coruña), ditou auto de liberdade para o arrestado. Ademais, puntualizaron que a imputación "non está determinada" polo momento.
Sobre as 9.45 horas o arrestado, A.L.D., chegou aos xulgados da localidade de Noia nun coche policial camuflado e entrou no edificio xudicial esposado e coa cara descuberta.
ARRESTO.
Un equipo da Guardia Civil da Coruña desprazouse o martes á localidade do Porriño para detelo pola súa presunta relación co asasinato de Elena Calzadilla, cuxo cadáver apareceu na súa segunda vivenda en Porto do Son (A Coruña) o 5 de decembro de 2005.
A.L.D., arrestado á saída do seu traballo -- na mesma empresa que o marido da vítima -- , é a terceira persoa detida en relación con estes feitos, xa que en xaneiro pasado a Guardia Civil tamén detivo o marido da falecida, Ernesto M.B., e ao irmán de este, Marcos M.B., que quedaron en liberdade tras declarar no Xulgado de Noia. As investigacións non se deron por pechadas polo momento e non se descartan novas detencións.
CRIME.
A viguesa María Elena Calzadilla Eugui, de 40 anos, apareceu morta o 5 de decembro de 2005 cun golpe na cabeza na súa vivenda de Porto do Son, localidade coruñesa na que tiña a súa segunda residencia.
A muller trasladárase a esta vivenda de vacacións para recoller roupa, xa que ía emprender unha viaxe a Canarias co seu marido durante esa ponte de decembro e, horas despois, ao ver que non volvía á casa e non contestaba ao teléfono, o home foi buscala.
Cando o marido chegou á casa de Porto do Son atopouse o corpo sen vida de Elena Calzadilla cun forte golpe na cabeza. Aínda que nun principio se barallaba o roubo como o móbil do asasinato, as investigacións centráronse no ámbito da vítima, e na hipótese dun posible crime pasional por encarga.