Quintana aposta por educar en corresponsabilidade dende a infancia para conseguir un futuro "en igualdade"

Vicepresidencia crea un videoxogo para animar aos nenos a defender os valores en igualdade

Europa Press Galicia
Actualizado: jueves, 20 noviembre 2008 16:45

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 20 Nov. (EUROPA PRESS) -

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, avogou hoxe por educar nos valores da corresponsabilidade dende a infancia co obxectivo de conseguir un futuro "en igualdade" porque "é a mellor forma".

Quintana participou hoxe en Santiago, coincidindo coa celebración do Día Universal do Neno, rodeado dunha vintena de menores no acto de presentación dunha campaña a favor dos dereitos da infancia desenvolvida pola Vicepresidencia da Xunta de Galicia.

No acto, a secretaria xeral de Benestar, María Xesús Lago, recordou a Convención dos Dereitos da Infancia ratificada hai 19 anos polas Nacións Unidas. "Celebramos que a infancia posúe dereitos: a ser queridos e protexido e son cidadáns de pleno dereito", destacou.

Pola súa banda, a secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán, fixo referencia ao concurso promovido entre 719 centros educativos públicos baseado nunha redacción sobre os dereitos da infancia. Dous escolares leron no acto senllos escritos colectivos sobre o tema, no que admitiron que son "demasiado consumistas" de materiais electrónicos e reclamaron que lles deixen "gozar dun planeta saudable, que os maiores están a degradar".

Posteriormente, tras ser presentado por 'Superobot', un dos protagonistas do videoxogo presentado 'Misión EOS', Quintana sinalou que hai "miles de nenos no mundo que non teñen cubertos os seus dereitos". "É bo que recordemos que no mundo as cousas non son tan doadas como nos parecen", subliñou e apostou por unha "educación en igualdade".

'MISIÓN EOS'

Os nenos acompañaron aos representantes de Vicepresidencia na presentación da campaña e prepararon os petiscos que se serviron posteriormente, tras realizalos como actividade para aprender a importancia dos valores de igualdade na vida cotiá.

A principal novidade da campaña a favor dos dereitos da infancia é o videoxogo 'Misión EOS', que ten como protagonistas a Noa, Ton e Bebé, tres irmáns que viven no ano 2328 nun mundo que destaca por ser igualitario e xusto.

Os protagonistas terán como misión protexer e desenvolver roles sociais igualitarios e contarán coa axuda dun guía chamado 'Superobot' para desenvolver a igualdade e a corresponsabilidade ao seu servizo.

O xogo, creado no marco do Plan estratéxico galego da infancia e adolescencia, desenvólvese en oito probas, un total de oito misións que achegan aos xogadores distintos retos aos que se enfrontan na vida diaria homes e mulleres en escenarios como o traballo, o ocio, e as tarefas domésticas. Como obstáculos, os protagonistas terán aos "grises".

Contenido patrocinado