Xunta e o Ministerio traballan para que crise no lácteo dure "o menos posible"

Actualizado: domingo, 2 agosto 2015 19:05

Destaca que "tódalas baixas que se van producindo" no servizo público de extinción de incendios "se"van cubrindo"

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 2 Ago. (EUROPA PRESS) -

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, asegurou que tanto a Xunta como o Ministerio de Agricultura traballan para que a situación de crise que vive o sector lácteo polos baixos prezos do leite dure "o menos posible" e que os gandeiros "poidan obter o maior rendemento".

Nunha entrevista concedida á Radio Galega e recollida por Europa Press, a titular do Medio Rural deixou claro que, nestes momentos, ambas as dúas administracións "só teñen unha preocupación" que é o sector lácteo español e, especialmente, o galego, que representa o 40% da produción de todo o Estado.

"Levamos traballando moito tempo e poñendo enriba da mesa moitas medidas que espero que cheguen a todos os gandeiros, a través das organizacións sindicais que son as que se reúnen connosco, e que axuden a solucionar a crise que se produce nestes momentos", destacou.

Neste sentido, preguntada pola manifestación que os gandeiros levaron a cabo en Santa Comba (A Coruña) o sábado e na que pediron a intervención das administracións para implantar medidas como as tomadas en Francia, Rosa Quintana apostou por non tomar decisións que poidan traer consigo sancións por parte dos órganos reguladores da competencia.

"Se hai un mínimo de risco de que exista unha sanción eu non me atrevería a facelo porque estaría a facer que o sector fose despois o responsable dunha decisión nosa", manifestou para recordar que iso xa pasou no sector do mexillón "que aínda paga unha sanción de 3 millóns de euros" debido a un pacto nos prezos.

"MEDIDAS A LONGO PRAZO"

Deste modo, aínda que considerou que incrementar o prezo de intervención ou retirar leite do mercado poderían mellorar a situación, considerou que estas serían "solucións a curto prazo". "A mi o que me gustaría é traballar en solucións a medio e longo prazo para darlle estabilidade a un sector que ano tras ano está sometido a estes vaivéns", destacou.

Ao respecto, recordou que, dende as administracións, "se lle fixo aos representantes sindicais unha proposta para sentar a deseñar xuntos un plan estratéxico" que, ao seu xuízo, debe protagonizar a participación.

EXPORTACIÓNS

Ademais, tamén sobre lácteo, considerou que, de cara ao futuro, as exportacións podían ser "unha posibilidade". "A semana pasada puxéronse en contacto comigo porque se necesitaban 30.000 toneladas de leite en po para mandar para Iraq", desvelou antes de asegurar que tamén hai demanda de leite galego en México, Cuba, Venezuela ou o norte de África.

Por iso, apostou por que o sector se "organice" co reto de "poder asumir" estas demandas. "Agora que non temos limitacións de produción, temos que producir con cabeza e saber primeiro onde e a qué prezo imos vender", indicou.

INCENDIOS

Por outra parte, cuestionada sobre o número de incendios producidos este verán, recoñeceu que as condicións meteorolóxicas axudan a que haxan "bastantes máis lumes que o ano pasado".

Con todo, sobre a elevada cifra de casos, asegurou que demostra que "o servizo de prevención está a funcionar moi ben". "Coa seca que temos, cos lumes que levamos, atender 1.200 lumes e que a maioría deles queden na categoría de conatos, significa que temos uns excelentes profesionais á fronte do operativo", indicou.

Ademais, respondeu ás críticas dos sindicatos do servizo público de extinción ao asegurar que a Xunta traballa en mellorar os equipos e en cubrir a maioría das vacantes. "Nestes momentos temos o 100% das prazas de vacantes de técnicos cubertas, o 98% das de axentes forestais e o 94% das de peóns cubertas", argumentou

"Todas as baixas que se van producindo se van cubrindo, por iso, sinceramente, co que quedo é coa profesionalidade desta xente e entendo que algunhas organizacións sindicais a todo lle queiran sacar punta", manifestou antes de sinalar que "cada un manifesta a súa opinión como considere".