Quintana di que o BNG "estará preparado" para as eleccións e acusa a Feijóo de intentar sacar rédito da crise

Recorda ao presidente do PPdeG que "a xente castiga a quen en política se comporta como el" e o anima "a cambiar de discurso"

Europa Press Galicia
Actualizado: jueves, 20 noviembre 2008 15:06

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 20 Nov. (EUROPA PRESS) -

O voceiro nacional do BNG e vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, asegurou hoxe que o Bloque "estará seguro preparado" para cando se convoquen as eleccións autonómicas galegas e acusou o líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, de intentar sacar "rédito partidario" da crise.

En declaracións aos medios tras presentar un videoxogo para educar en igualdade, Quintana evitou "especular" coa data electoral. "É unha responsabilidade do presidente da Xunta, que executará cando considere oportuno", aseverou e matizou que o BNG "está a traballar para exercer o seu labor de goberno como fai toda a Xunta".

"É o que importa porque estamos nunha situación complicada en todo o mundo. Agora toca gobernar e cando toquen as eleccións o BNG estará seguro preparado", insistiu o vicepresidente galego. Ademais, recordou que o titular da Xunta "foi claro no seu momento" cando sinalou que completará a lexislatura e "haberá adianto técnico para non coincidir coas europeas". "Agora toca traballar e gobernar e non entrar en especulacións", recalcou.

Preguntado sobre a reforma do voto emigrante, Quintana lamentou que o Goberno de Madrid "non fixo as cousas como se deberían". Deste modo, recordou que en Galicia os tres grupos aprobaron por unanimidade unha Proposición de Lei "para solucionar o problema". "Se o goberno de Zapatero lle fixese caso ao Parlamento galego a estas horas isto xa estaría resolto e agora cabe o perigo de que non cheguemos a tempo", manifestou.

"NOVELA POR EPISODIOS"

Por outra banda, rexeitou a actitude de Feijóo porque "leva catro anos con ese discurso de que España rompe e o bipartito e de que todo é unha catástrofe". "Xa é unha novela por episodios demasiado longa, que nunca ten o desenlace que a el lle gustaría,", ironizou, ao tempo que dixo que "á xente lle empeza a caer un pouco pesado".

"Podía cambiar de discurso e botarlle imaxinación", sentenciou e puntualizou que sente "da actitude de Feijóo" que "se lle nota moito que ten ganas de que as cousas vaian mal".

"Prefire que as cousas vaian mal con tal de el poder sacar rédito partidario. A xente reclama que poñamos solucións, que actuemos con unidade e arrimemos o home", comentou e avogou por pensar que nesas persoas. "El -- por Feijóo-- só pensa nos seus intereses electorais e relámbese se as cousas van mal, pensando que a el lle vai ir mellor. Equivócase, porque a xente castiga a quen en política se comporta como el", concluíu.

Contenido patrocinado