Quintana recoñece que a situación das rías está "complicada" e recorda que consumir marisco legal é seguro

Rosa Quintana
EUROPA PRESS
Actualizado: miércoles, 20 agosto 2014 14:42

LUGO/SANTIAGO, 20 Ago. (EUROPA PRESS) -

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, recoñeceu que a situación das rías galegas ao respecto da toxina que afecta á extracción de moluscos "é complicada", pero recordou que consumir marisco adquirido polas canles legais é seguro.

Actualmente, segundo explicou en declaracións aos medios en Xove (Lugo), permanecen pechados 45 polígonos de mexillón, co que só hai seis abertos en toda Galicia.

Rosa Quintana indicou que dende hai dous anos as condicións naturais das rías fixeron que "proliferase" un tipo de alga que non afecta ao marisco, pero si pode producir danos á saúde do consumidor.

"Son as condicións que dan nosas rías, que dan moitas bendicións pero tamén algún que outro desgusto", lamentou a conselleira de Mar.

INVESTIGACIÓN

Pola súa banda, o Grupo Parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) avanzou que presentará unha serie de iniciativas na Cámara polas que instará á Xunta a crear un grupo de investigación co fin de determinar as causas que están a influír e provocando a prolongación e intensificación dos episodios de marea vermella e que "está a levar a unha situación dramática a miles de traballadores do sector".

O deputado de AGE Juan Manuel Fajardo destacou a necesidade "urxente" de levar a cabo este traballo de investigación para evitar a morte económica de miles de familias galegas para o que insta o Goberno galego a destinar os recursos que sexan precisos para a creación e posta en marcha deste proxecto.

Así mesmo, recorda que, malia que se trate dun fenómeno natural, "son moitas e diversas as causas" que inflúen, por o que indicou que é preciso levar a cabo unha investigación que permita determinar os condicionantes que provocan o aumento das mareas vermellas e que "condena ao sector a soportar interminables peches".