LUGO, 18 Nov. (EUROPA PRESS) -
O voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana, congratulouse hoxe de que o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, expresase a súa intención de acabar co caciquismo e díxolle que ten no seu propio partido "un bo banco de probas".
Nun acto en Lugo para rememorar que hai 90 anos se reuniu alí por primeira vez a Asemblea Nacionalista, Quintana ironizou con que "tempo era" de que o dirixente do PPdeG apostase por loitar contra o caciquismo. "Ten a súa propia casa para empezar e ese é un bo banco de probas", afirmou.
Tamén recriminou a Núñez Feijóo que siga "empeñado na súa cruzada contra o galego" e "en matar" este idioma. "Iso seguramente daríalle votos se se presentase por Madrid, pero dificilmente terá rédito electoral nun país onde a inmensa maioría ama e quere ao galego", alertou aos 'populares'.
REFORMA DO ESTATUTO
Aludiu ademais ao interese de Feijóo por negociar a reforma do Estatuto co PSOE, o que lle serviu para acusar ao político popular de actuar co obxectivo de "dividir á xente e ás forzas políticas".
Fronte a iso, indicou que a revisión estatutaria é "necesaria" para Galicia, pero cunha condición: "Ten que ser unha cousa de todos e froito do consenso de todas as forzas políticas". "Eu son nacionalista e quero para Galicia un Estatuto de primeira, un Estatuto de nación, pero tan claro como iso tamén teño a idea de que ten que ser un Estatuto de todos", agregou.
Quintana dixo que este país acumula xa demasiada experiencia de facer as cousas "uns contra os outros". "Este Estatuto que temos foi elaborado así, sen o necesario consenso e por iso agora están todos empeñados en reformalo e facer outro novo", afirmou.
Expresou así mesmo a sospeita de que Feijóo ten a "pretensión absurda" de deixar fóra ao BNG, porque o que pretende é que Galicia "teña un Estatuto de segunda e sabe que co BNG iso é imposible".