Quiroga critica a "escenificación dun esperpento" e proclama que "a España das autonomías é a mellor"

Desayuno informativo del 'Fórum Europa' en el que interviene Arantza Quiroga
DAVID CABEZÓN @ PPDEG
Actualizado: lunes, 20 octubre 2014 13:57

Enxalza a "grande responsabilidade" coa que actúa Rajoy e é partidaria de sumar "forzas" co PSOE, pero rexeita "unha fronte españolista"

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 20 Oct. (EUROPA PRESS) -

A presidenta do PP vasco, Arantza Quiroga, constatou este luns que Cataluña está a vivir "a escenificación dun esperpento" no "cada un" dos implicados actúa segundo "os seus medos" e "coas súas estratexias" sen pensar nunha sociedade catalá "esborrallada e en situación de quebra" sen que "ninguén" esixa "responsabilidades".

Quiroga pronunciouse neste sentido no marco do almorzo informativo de 'Fórum Europa. Tribuna Galicia', despois de transcender que o independentismo catalán condiciona o seu respaldo á votación alternativa do 9-N ideada polo presidente catalán, Artur Mas, a que haxa unhas eleccións plebiscitarias en tres meses.

Ao respecto, a líder do PP vasco sinalou que "moitas das cousas" que aconteceron nos últimos meses en Cataluña xa se viviron en Euskadi "co Plan Ibarretxe". "Sabemos o que é levar a unha sociedade cara á frustración e cara a unha quella sen saída, e o que iso deixa de pouso, de enfrontamento", remarcou.

Nesta conxuntura, manifestou o seu desexo de que Cataluña "volva á normalidade canto antes". "Non sei se cunhas eleccións ou non, pero canto antes mellor", reflexionou, antes de manifestar que non só a sociedade catalá, senón que tamén a española necesita que "un dos seus motores" estea "a tope" o máis pronto posible.

Malia a súa "preocupación" e a dos seus pola situación en Cataluña, reivindicou a actitude do presidente estatal, Mariano Rajoy. "Creo que actuou con gran responsabilidade, cunha visión de Estado que é a que necesitamos", subliñou, convencida de que é "esa man tendida" a que vai garantir "saír disto".

Por outra parte, sobre sería partidaria de articular unha fronte españolista para responder con unidade ao independentismo, rexeitou a contraposición de "frontes" convencida de que "non é a solución" senón que provocaría "máis confrontación".

Si se mostrou a favor de "sumar forzas" co PSOE, pero matizou que para iso hai que ter "claro" que ambas as dúas formacións "comparten a mesma postura", un extremo que, ao seu xuízo, resulta dubidoso no caso dos socialistas.

"SENTIDO DE ESTADO"

Ao longo da súa intervención, Quiroga realizou continuas chamadas á "cooperación" e á necesidade de entender que a "unión" é compatible coa "diversidade". Así, manifestou que "chegou o momento" de que os gobernos autonómicos "asuman" que son Estado e, en consecuencia, de "esixir ás autonomías sentido de Estado".

Convencida de que "se equivocan" os que pensan que "o futuro de España é unha especie de pequenos países independentes pegados", cargou contra a "idea" que, ao seu entender, intentan transmitir de forma continuada os nacionalistas en relación a que "Madrid impón" ou "non deixa" dar determinados pasos.

Lonxe diso, con independencia de que haxa que axustar o que "non funcionou", se reafirmou en que "a España das autonomías é a mellor", e sobre a formulación socialista de reformar a Constitución para articular un modelo federal, advertiu de que "os nacionalistas nunca se conformarán".

"Isto eu faleino con (o lehendakari Íñigo) Urkullu. Eu son vasca e creo tamén que hai transferencias pendentes, o problema é que el non queda aí", esgrimiu, para advertir de que España non pode planificar o seu futuro "pensando en contentar aos nacionalistas". Así, rexeitou "sacar modelos da chistera" para "diferenciarse" do PP.

Quiroga tamén rexeitou exercer de "correa de transmisión" das peticións nacionalistas e defendeu que o PP vasco ten o "seu propio criterio", para engadir que o que traslada ao Goberno central é aquilo que considera que é "o mellor" para Euskadi, que pode "coincidir ou non" cos postulados do goberno de Urkullu.

ESTRATEXIA

Na súa intervención, Quiroga tamén constatou que Urkullu segue "unha estratexia diferente" de portas fóra de Euskadi en relación a Cataluña, dicindo que "están á economía" e que non van ir pola vía catalá. "Soa ben, pero logo a realidade é outra", advertiu.

Así, sinalou que dentro da comunidade, os nacionalistas insisten día a día no malo que é Madrid, que non deixa desenvolver determinadas competencias nin respecta o Estatuto de Autonomía".

Fronte a esa estratexia de "confrontación", apelou á colaboración e rexeitou que unha recentralización de competencias sexa "a solución" para os problemas educativos. "As comunidades exercen ben as competencias educativas, o problema é cando se intenta ideologizar dende as aulas", sinalou.

PODER EN VITORIA E DEPUTACIÓN DE ÁLAVA

Sobre a disposición dos populares ao pacto para manter o poder no concello de Vitoria e a Deputación de Álava, Quiroga rexeitou "andar falando de estratexias políticas para políticos que ninguén entende" e subliñou que o PP é "capaz de chegar a acordos" e que hai "marxe para o diálogo", pero o primeiro é "gañar as eleccións".

Sobre a polémica na que se viu envolvido o alcalde da capital alavesa, Javier Maroto, ao suxerir que inmigrantes alxerianos e marroquís vivían grazas ás axudas sociais autonómicas, Quiroga replicou que o que fixeron os populares é alertar de supostas irregularidades na xestión desta renda de garantía de ingresos mínimos.

"Cada vez hai máis persoas con necesidades e solidariedade si, pero non abusos", advertiu Quiroga, quen denunciou que, no marco destas axudas, hai "70 millóns que se pagaron de forma indebida", e que o Goberno vasco "eliminou axudas á conciliación", mentres formula "abrir unha reflexión ás de natalidade".

DEFENSA DO CONCERTO ECONÓMICO

Por outra banda, defendeu o concerto económico vasco "recoñecido pola Constitución española", ao tempo que admitiu que se trata "dun branco doado" por parte de autonomías que atribúen a Euskadi "unha falta de solidariedade".

Fronte a iso, esgrimiu que o concerto económico "é unha responsabilidade" porque, se ben recoñeceu que en momentos de bonanza pode supoñer "un impulso maior", non acontece o mesmo cando baixan os ingresos. "Aí quedamos co que temos, non temos o colchón do Estado", aseverou.

Do mesmo modo, insistiu en que é "perfectamente legal" e que "dá un encaixe" a Euskadi. "Non sei porque outras comunidades non optaron por esta vía, tamén llo ofreceron a Cataluña e dixo que non", recordou.