Quiroga defende apartar a Rato do PP e chama aos políticos a "entoar un mea culpa sincero" fronte á corrupción

Desayuno informativo del 'Fórum Europa' en el que interviene Arantza Quiroga
DAVID CABEZÓN @ PPDEG
Actualizado: lunes, 20 octubre 2014 13:40

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 20 Oct. (EUROPA PRESS) -

A presidenta do PP vasco, Arantza Quiroga, mostrouse partidaria de apartar do Partido Popular ao expresidente de Bankia, Rodrigo Rato, polo suposto uso fraudulento das 'tarxetas B', aínda que non concretou prazos e sinalou que a quen "toca" xestionar esta cuestión é "aos dirixentes" estatais do seu partido.

Quiroga pronunciouse na mesma liña na que o fixeron tamén o presidente do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, e outros dirixentes da súa formación no transcurso dun almorzo informativo organizado por Nova Economía Forum na capital galega, no que tamén cargou con contundencia contra a corrupción.

De feito, na súa intervención, advertiu de que a sociedade de 2014 "non é nin a de 1975 nin a de 2014" e os pasos que esixen os cidadáns de hoxe son "moi diferentes". "Solucións e comportamentos exemplares", receitou a líder do PP vasco.

Nesta conxuntura, manifestou a súa convicción de que os políticos teñen que entoar un mea culpa sincero e reflexivo" para que "a corrupción e as prebendas desaparezan na medida do posible".

Do mesmo modo, chamou a "castigar coa lei e o desprezo social e político" aos que "en nome dos políticos" caen en actitudes irregulares.

"ESTAR VIXIANTES"

Dito isto, Quiroga incidiu na necesidade de que os que teñen responsabilidades de goberno estean "vixiantes" ante os "inimigos da democracia", sobre todo nun contexto no que a crise e determinadas actuacións deixa "polos chans" a "credibilidade" dos políticos.

Por iso, apelou a actuar "con moito rigor" e adaptarse ás "esixencias" dunha cidadanía "madura" que está "farta de que a traten como menor de idade".

Coa convicción de que sería bo "asimilar a parte de ciencia que ten a política" e estudar "o que os cidadáns din de si mesmos e demandan", a dirixente popular pediu non se deixar levar "por mensaxes extremas", senón que apelou a ter "altura de miras" e axustarse á "moderación" que pide a cidadanía.