A reserva de auga embalsada aumenta noutros 101 hectómetros cúbicos en Galicia

Encoro
EUROPA PRESS
Actualizado: martes, 21 febrero 2017 20:19

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 21 Feb. (EUROPA PRESS) -

A reserva de auga embalsada aumentou noutros 101 hectómetros cúbicos en Galicia na última semana, segundo os datos facilitados este martes polo Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente.

Así, a conca Miño-Sil atópase ao 57,9 por cento da súa capacidade, con 1.754 hectómetros cúbicos de auga embalsada, 89 máis que a semana pasada. O ano anterior a estas alturas contaba con 2.733 hm3 de auga embalsada.

Pola súa banda, a conca Galicia Costa está ao 65,1 por cento da súa capacidade total, con 445 hectómetros cúbicos de auga embalsada, 12 máis que sete días atrás. Hai un ano tiña 630 hm3.

Actualmente a reserva hidráulica en España está ao 57,2 por cento da súa capacidade total e os encoros almacenan 32.044 hectómetros cúbicos de auga, o que supón un aumento de 1.637 --o 2,9% da capacidade total--.

O Ministerio destaca que as precipitacións foron "considerables" en gran parte da península e a máxima produciuse en Huelva, con 39,6 litros por metro cadrado.