Rexeitadas as emendas da oposición que pedían devolver os presupostos por ser "os da resignación"

Pleno presupuestos en el Parlamento de Galicia.
EUROPA PRESS
Actualizado: lunes, 16 enero 2017 14:44

En Marea, PSdeG e BNG advirten de "desigualdade, pobreza e precariedade" coas contas, que o PP defende por "consolidar un crecemento san"

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 16 Ene. (EUROPA PRESS) -

O pleno do Parlamento de Galicia rexeitou, cos votos do PPdeG, grupo maioritario na Cámara autonómica, as emendas á totalidade dos presupostos da Xunta para este ano 2017 que presentaron En Marea, PSdeG e BNG.

A oposición pedía con elas a devolución das contas, que vinculan coa "resignación" fronte á situación económica, que acusan de "restritivos" por manter "recortes" en ámbitos sociais e acusan de ser causantes de "dor", "desigualdade, "pobreza" e "precariedade" na sociedade galega.

Pola súa banda, os populares argumentaron o seu voto en contra das emendas ao asegurar que aprobalas suporía "parar Galicia" e "tamén polo pouco atractivo que resulta a proposta da oposición".

Neste sentido, valoraron que os presupostos son "adecuados e expansivos" e reivindicou "que consolidan un crecemento da economía moito máis san que o que tiña a economía galega" en 2009".

FACENDA

Mentres, o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, na súa quenda de réplica, defendeu no hemiciclo a "actuación en positivo" e de carácter "propositivo" do Goberno galego, tanto en materia de servizos sociais coma de emprego.

Neste último campo, o laboral, reprochou "negar que van máis de tres anos dunha caída fortísima da taxa de paro e dun incremento da ocupación dun xeito clarísimo", se ben admitiu que "queda moito por facer".

EN MAREA

O voceiro parlamentario de En Marea, Luís Villares, comezou o seu discurso atribuíndo á Xunta un "falso relato propagandístico" segundo o cal o aumento do produto interior bruto (PIB) se debe á política gobernamental. "Non crecemos como consecuencia, senón a pesar", aseverou.

Así, dixo que o Executivo que lidera Alberto Núñez Feijóo "infrinxiu unha dor innecesaria" en apartados como o sanitario, no que "denegaron medicamentos aos enfermos de hepatite C para cadrar o gasto público".

Persoas "responsables" diso están hoxe sentadas no Pazo do Hórreo, segundo afirmou, para engadir: "A ver se outro día os vemos sentados noutro banco como responsables desa indecencia".

Villares clamou pola recuperación de dereitos e rexeitou a "senda" que ofrece o PP, que identificou coa do "estado do malestar social", no que "crece a débeda e a reserva de Vega Sicilia de Feijóo na súa casa", os mozos "non teñen posibilidades de vivir con dignidade" e a poboación en xeral é "máis pobre".

PSDEG

Mentres, o voceiro dos socialistas no Parlamento, Xoaquín Fernández Leiceaga, cargou contra unha política económica "resignada e conservadora", para proclamar a continuación que "outra política económica é posible, con máis crecemento, máis firme, máis integración social e servizos públicos reforzados".

As medidas de Núñez Feijóo significaron, ao seu xuízo, unha crise "máis fonda e máis destrutora de emprego", todo, na súa opinión, "pola fascinación pola austeridade", que supuxo unha "catástrofe sen paliativos" en materia de emprego e pola "expulsión" de novos do mercado de traballo.

Ademais, sinalou unha estratexia fiscal "incorrecta" e remarcou que "o problema" da débeda "non é o volume", senón "o uso". Neste sentido, reclamou "outra política de gasto" que aposte pola investigación, a gratuidade dos libros de texto, a dependencia e o apoio ao acceso á vivenda, entre outros puntos.

BNG

Na "dor" que causan "as políticas de austeridade" incidiu a voceiro do Bloque na Cámara, Ana Pontón, quen criticou "problemas no acceso aos servizos públicos" co PP no Goberno, "maior pobreza, maior desigualdade e maior precariedade".

Así mesmo, considerou que "o pretendido carácter expansivo é fume", ao asegurar que "seguen existindo recortes" en política social e "falta ambición" dun plan de futuro "real" para Galicia, cuns presupostos que chamou "da desesperanza".

FINANCIAMENTO AUTONÓMICO

Pontón fixo fincapé na súa intervención no modelo de financiamento que ve "inxusto" e en que os grupos non saiban "aínda cál é a proposta concreta que vai defender" Galicia este martes, na conferencia de presidentes.

Ao respecto, instou a Feijóo a "abandonar esa estratexia de submisión aos intereses do PP e do señor Rajoy", porque "iso conduce a Galicia á irrelevancia política" e a ser "invitados de pedra" no encontro.

Tras referirse a líder nacionalista á "estratexia anticatalá" do PP e censurar que "foi Madrid a única beneficiada" os últimos anos, o conselleiro respondeu cunha reprobación a que o BNG fale de territorios.

Non obstante, Leiceaga, xa na súa segunda quenda, replicou que "son os territorios os que importan" segundo o que transcendeu da proposta do PP, información ante a que mostrou a súa preocupación.

SOLDOS GOBERNO

Tamén lamentou Pontón o aumento do soldo dos membros do Goberno, ao que Martínez respondeu que "incremento salarial ningún", posto que se trata de "recuperar o nivel de 2012".

Destacou que "afecta a todos os empregados públicos" e contratou a actual nómina do presidente galego, sobre os 72.600 euros, coa de 2008, cando roldaba os 85.000.

PP

No debate, o voceiro dos populares no Pazo do Hórreo, Pedro Puy, destacou que se trata dun "bo presuposto para a situación actual de Galicia".

Á oposición reprendeulle por pretender "volver ao ano 2009", e espetoulle que, "non grazas". A maiores, apuntou que os fármacos aos que se referiu Villares para a hepatite C "non existían en 2009".

CONSELLEIRO

Valeriano Martínez constatou que "efectivamente hai dous modelos de sociedade" para subliñar que "hai pouco que se manifestou o corpo electoral e dun xeito moi correcto", como "sempre sexa cal sexa o resultado".

Isto mereceu a crítica da voceira do BNG, quen resaltou que o feito de que o PP lograra unha nova maioría absoluta non invalida a actuación e emendas dos grupos da oposición.

Martínez chamou a atención sobre o "certo prestixio e recoñecemento externo" da política da actual Xunta, e reiterou que o que busca é un "crecemento san".

Á oposición reprochoulle "primeiro negar a crise" e agora "non recoñecer a recuperación económica certa que dende hai dous anos e medio estase a producir en Galicia".

No que respecta ao presuposto, valorou que "o máis importante non é só as cifras", senón que o documento "transmite certezas" a familias e empresas.

TIQUE ELÉCTRICO

Noutra orde de cousas, o voceiro de En Marea preguntou se "a xente xa non pasa frío", pola publicación de axudas para o tique eléctrico este mesmo luns por uns 800.000 euros, fronte aos máis de 2 millóns en que cuantificou a convocatoria do pasado ano.

Tamén aproveitou a ocasión para denunciar "o colapso das urxencias" na comunidade e para acusar o PP de ter "vergoña do galego", polas partidas destinadas a este ámbito.

PECHE

Xa no peche, o titular de Facenda chamou a, "co traballo de todos os grupos", avanzar na "creación de emprego de calidade".

Tamén fixo un chamamento para "consensuar unha postura de país" no sistema de financiamento autonómico, un asunto "prioritario", e rexeitou a devolución dunhas contas que "necesita Galicia para seguir un paso máis no camiño do emprego e dos servizos públicos".