Rey Varela confía en que as probas de voz demostren "a verdade" e pide "que se fagan canto antes"

José Manuel Rey Varela
EUROPA PRESS
Actualizado: martes, 2 septiembre 2014 18:04

FERROL, 2 Sep. (EUROPA PRESS) -

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, manifestou este martes que ten "confianza absoluta" en que as probas de voz previstas no marco da instrución da 'Operación Pokémon' para determinar a identidade de interlocutor identificado como 'Josman' nunha gravación demostren "a verdade" e pediu de novo "que se fagan canto antes".

"Teño confianza absoluta en que esas probas demostren a verdade, creo que é o máis importante", manifestou este martes, a preguntas dos medios tras un auto do 20 de agosto no que a xuíza instrutora, Pilar de Lara, desestima un recurso da defensa de Rey Varela relativo á axilización da proba pericial fonométrica de recoñecemento de voz do rexedor ferrolano, imputado na causa.

"Como calquera cidadán o único que fixen é solicitar celeridade á administración para reparar o dano que se me causou", resaltou Rey Varela, que engadiu que entende "os tempos da administración".

"O único que a miña defensa puxo de manifesto son unhas consideracións para tratar de axilizar o máis posible o que ten que ver coa miña persoa en relación con esta operación", explicou. "Sostéñome, como fixen sempre, a todas as cuestións que haxa que estudar dende a tranquilidade absoluta de saber que non teño nada que ver cos feitos que se me imputan", abundou.

Preguntado pola capacidade auditiva da xuíza, á que demandaba no seu recurso que a instrutora determinase "se a voz que se escoita nas conversacións controvertidas con José María Tutor (de Vendex) os días 30 de maio e 2 de xuño de 2012 se corresponde ou non" coa del, ademais da pericial, sinalou que "nada que opinar".

"É a miña defensa a que determinou as cuestións, moi interesantes dende punto vista de defensa, pero non valoro nunca cuestións subxectivas, a mi gústame valorar cuestións obxectivas", sentenciou ao respecto.

"RÁPIDO E BEN"

"Non adoito pronunciarme sobre os actos doutras administracións, non o vou facer nun caso que me afecta persoalmente, pero teño o dereito como cidadán de pedir á administración que actúe rápido e ben", aseverou.

Por iso, insistiu en que, "como cidadán", "hai unhas probas que se solicitaron" coas que se mostrou "de acordo". "Quero que se investigue todo o que haxa que investigar. O que pido é que se fagan canto antes por parte da administración", concluíu.